Ir o contido principal

O concerto de Odaiko o mércores dará comezo ao programa 'Entre Lusco e Fusco' de Lugo Cultural

O concerto do grupo Odaiko dará comezo este mércores 9 ao programa de verán do Convenio Lugo Cultural, que integra á Vicerreitoría de Cultura da USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia. Co nome de ‘Entre Lusco e Fusco’, celebraranse varias actuacións musicais co obxectivo de recuperar como espazo escénico para a música zoas naturais.
Por isto, este ano os concertos terán lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro e celebraranse tres no mes de xullo e dous en setembro, combinando diferentes estilos. O primeiro será o de Odaiko, ás 22:30 horas, un grupo de percusión que destaca por tocar o tambor tradicional xaponés,o taiko, que require a participación de tres persoas para ser tocado.
O grupo está composto por Ton Martínez Risco, Juan Collazo, Roberto Oliveira e Antonio Ocampo, licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz no Conservatorio de Amsterdan e no Real Conservatorio da Haia. A súa proposta artística céntrase na exploración de música tradicional multiétnica na súa variante percusiva. Neste espectáculo mesturan a música de orixe oriental, instrumentos hindús, africanos, percusión clásica, batería jazz ou flamenco xunto con proxeccións do aragonés Juan Luis Campoy.
O concertos continuarán o día 16 coa actuación de Tachenko e o 23 coa de Lúa de Fouce. En setembro, o 10 e o 17 respectivamente, actuarán Kimuru e Cinematojazzia con Nani García. As actuacións, de entrada libre e gratuíta, serán os mércores ás 21:00 horas, agás o primeiro.
Camiño PrimitivoO escritor Lois Diéguez, acompañado de actores, músicos e bailaríns, será o lazarillo da Ruta do Camiño Primitivo organizada para o día 23 de xullo dentro do programa ‘Pegadas’ do Convenio Lugo Cultural. Esta ruta dará comezo ás 17:30 horas no barrio da Chanca e contará con distintas actuacións teatrais ao longo da mesma, actuacións que rematarán no concerto de Lúa da Force no parque Rosalía de Castro. Ademais, distribuirase o libro ‘Enriqueta na Galicia’, libro que contén un conto sobre a casa das pombas sita na praza do Campo.
O prazo de inscrición para esta actividade estival está xa aberto ata esgotar as 25 prazas dispoñibles para o evento. Terá un custe de 3 euros e a matrícula deberá facerse na oficina de Cultura de Lugo, na praza Pío XII.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2008.