O concerto de Tachenko dará continuidade o mércores ao programa 'Entre Lusco e Fusco' de Lugo Cultural
O concerto do grupo Tachenko dará comezo este mércores 16 ao programa de verán do Convenio Lugo Cultural, que integra á Vicerreitoría de Cultura da USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia. Co nome de ‘Entre Lusco e Fusco’, celébranse varias actuacións musicais este verán co obxectivo de recuperar como espazo escénico para a música zoas naturais.
Por isto, este ano os concertos teñen lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro, combinando diferentes estilos. A actuación de Tachenko será a segunda deste ciclo, na que tocarán os temas de ‘Esta vida pide otra’.
Este quinteto nace en Zaragoza no ano 2002, con músicos procedentes de grupos da música alternativa española dos 90. Comezan a actuar de seguido en distintas cidades españolas ofrecendo un pop luminoso e baseado no son das guitarras. Chegan a Lugo coa xustificación de que os seus traballos atoparon nestes anos unha gran acollida.
O concertos deste ciclo continuarán dentro do mes de xullo o 23 con Lúa de Fouce. En setembro, o 10 e o 17 respectivamente, actuarán Kimuru e Cinematojazzia con Nani García. As actuacións, de entrada libre e gratuíta, serán os mércores ás 21:00 horas, agás o primeiro.
Camiño PrimitivoO escritor Lois Diéguez, acompañado de actores, músicos e bailaríns, será o lazarillo da Ruta do Camiño Primitivo organizada para o día 23 de xullo dentro do programa ‘Pegadas’ do Convenio Lugo Cultural. Esta ruta dará comezo ás 17:30 horas no barrio da Chanca e contará con distintas actuacións teatrais ao longo da mesma, actuacións que rematarán no concerto de Lúa da Force no parque Rosalía de Castro. Ademais, distribuirase o libro ‘Enriqueta na Galicia’, libro que contén un conto sobre a casa das pombas sita na praza do Campo.
O prazo de inscrición para esta actividade estival está xa aberto ata esgotar as 25 prazas dispoñibles para o evento. Terá un custe de 3 euros e a matrícula deberá facerse na oficina de Cultura de Lugo, na praza Pío XII.