Concerto da violinista Paola Becerra e dos pianistas Carlos Fernández, Oleksandra Totkalova e David Vaamonde
Os pianistas Carlos Fernández, Oleksandra Totkalova e David Vaamonde e a violinista Paola Becerra ofrecerán este martes 16 o cuarto concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes. Será ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia. Santiago), con entrada libre.
Comezará o recital con Carlos Fernández Bollo, que interpretará pezas de Mozart, Chopin, Liszt, Turina e Rachmaninov. Nado en Mugardos en 2000, este novo pianista recibiu as súas primeiras clases na escola municipal de música da súa vila natal en 2004. En 2008 ingresou no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol, onde actualmente cursa 4º de grao profesional. Foi galardoado en varios concursos de piano e en 2015 participou no VIII Curso Nacional de Organistas Litúrgicos (Valladolid) e no XXV Aniversario da Escuela e Festival Internacional de Música PRESJOVEM (Córdoba). Na actualidade colabora como pianista-organista acompañante coas corais polifónicas de Brión, Maria Auxiliadora de Vigo e Casino Mugardés. Acompañou a Juana Castillo Ruz na I Gala Lírica de Aninovo de Ferrol e o pasado mes de marzo participou no Concerto Sacro de Mugardos no que foi o seu primeiro recital público de órgano.
Scarlatti, Mozart, Rachmaninov e Debussy protagonizarán a segunda parte do recital, a cargo de David Vaamonde López (Madrid, 1999), que comezou a estudar música e piano aos 6 anos da man de Olalla Ares na academia de música Adagio Cantabile (A Coruña) e aos 9 anos piano clásico con Tatiana Prjevalskaya. En 2012 foi seleccionado para participar no concerto do 30 aniversario do pianista Lang Lang celebrado en Berlín xunto con outros 49 nenos de diferentes países do mundo e con Herbie Hancock como convidado especial. Iniciou os seus estudos de jazz con Abe Rábade en 2013, compaxinándoos coa súa formación en piano clásico. En 2014, formando parte da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia interpretou Feste Romane de Ottorino Respighi na praza de María Pita (A Coruña). En 2015 rematou os estudos de grao profesional no conservatorio de Culleredo da man de Alís Polo Lamas, co premio de fin de grao na especialidade de piano.
Por último actuarán a pianista Oleksandra Totkalova e a violinista Paola Becerra, que interpretarán pezas de Georg Philipp Telemann, Franz Schubert e Fritz Kreisler e Gaetano Pugnani. A violinista, nada en 1994, comezou os estudos de violín na escola de música La Fábrica co profesor Stefan Marinescu e continuou no Conservatorio de Música de Culleredo. Durante o curso 2011-2012 rematou o grao profesional no Conservatorio Profesional de Música de Coruña e actualmente cursa segundo de grao superior no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.
Pola súa banda, a pianista nada en Kherson (Ucraína) hai 19 anos comeza a tocar o piano aos 5 anos de idade. Aos 6 gaña o seu primeiro concurso e aos 7 ofrece o seu primeiro concerto como solista. Dende daquela gañou máis de 25 concursos internacionais de piano en Ucraína, os máis significativos os celebrados en honra a Neuhaus, Richter e Karamanov. Durante os seus estudos no Colexio de Música en Ucrania, recibiu varias bolsas dos governos rexional e municipal de Kherson. En novembro de 2015 gañou o Premio Especial Universidad Popular de Albacete no XXXV Concurso Nacional de Jóvenes Pianistas Ciudad de Albacete. Actualmente estuda co profesor Alexander Gold na Escola de Música Berenguela en Santiago de Compostela.