Conclúen as ligas e copas universitarias de deportes de equipo da USC en Lugo coa entrega de trofeos
Coa entrega de trofeos presidida polo reitor Antonio López concluíu este martes a temporada de ligas e copas universitarias de deportes de equipo no campus de Lugo. Este curso tomaron parte nas distintas competicións do campus lucense 202 deportistas agrupados en 16 equipos, doce dos cales tomaron parte nas ligas de fútbol 7 e outros catro na de fútbol sala. O reitor Antonio López estivo acompañado polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga, así como polo concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, e o presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso. Asistiron así mesmo a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico. No acto entregáronse os premios aos tres primeiros equipos clasificados nas ligas de fútbol 7 e fútbol sala e tamén os galardóns para os equipos que resultaron campións do Torneo da Copa das mesmas disciplinas deportivas no Campus de Lugo.
A competición nas ligas deportivas universitarias este curso experimentou unha reorganización co obxecto de facelas “máis atractivas, competitivas e dinámicas”, como explica o delegado do reitor para o Deporte Javier Rico. Neste curso na liga de fútbol 7 houbo unha fase inicial de dous grupos de seis equipos cada un deles, onde xogaron unha competición de liga a unha volta, entre os meses de novembro e xaneiro. Destes dous grupos, os tres primeiros equipos clasificados de cada un formaron o grupo polo título de liga, e os tres últimos equipos de cada grupo formaron o de clasificación para a copa. As dúas competicións desenvolvéronse polo sistema de liga durante os meses de febreiro, marzo e abril. Na copa de fútbol 7 tomaron parte oito equipos, cinco que se clasificaron no grupo polo título de liga, e tres que se clasificaron do grupo pola copa. Desenvolveuse a xornada este martes 30 de abril con catro eliminatorias de cuartos de final, dúas semifinais e a final da Copa.
Na liga de fútbol sala competiron catro equipos, cunha liga a dobre volta nos meses de novembro e decembro. A copa de fútbol sala desenvolveuse nunha xornada no Pavillón Municipal O Palomar, onde participaron tres equipos. Celebrouse unha liguiña entre eles, e proclamouse un campión. Antes do inicio das ligas, no mes de setembro e despois do inicio do curso 2023-2024, celebráronse os Torneos BenVida, dentro do programa das Xornadas BenVida USC, nas modalidades deportivas de fútbol sala e fútbol 7.