Ir o contido principal

O concurso de pintura CreArte mantén aberto o prazo de presentación de traballos ata comezos de marzo

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC apostou sempre polo fomento da arte galega, prestándose como depósito e adquirindo durante moitos anos obras que actualmente se expoñen no centro. Continuando con ese espírito, por sexto ano consecutivo convoca unha nova edición do concurso de pintura ‘ CreArte na Universidade’. O prazo de presentación de traballos remata o 3 de marzo.

Dirixido a toda a sociedade, no certame cada concursante deberá presentar unha única obra inédita creada entre xaneiro de 2016 e febreiro de 2017 de temática e técnica libres e dunha dimensión non inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120.

O xurado, presidido pola decana do centro, estará composto por membros da USC e da comunidade artística da contorna. Das obras presentadas deberán facer unha selección, que o 5 de abril conformará unha exposición temporal na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coincidindo co Día do Patrón do centro.

Neste concurso haberá un único premio, de 600 euros, para unha obra que pasará a formar parte do patrimonio da Facultade e que se exporá durante un ano no seu ‘Espazo de Arte’ reservado para tal fin.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2017.