Ir o contido principal

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC abriu o prazo da súa décimo terceira edición

O Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago Uniemprende acaba de abrir o prazo do XIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC cun total de tres premios en metálico e a posibilidade de acceder a formación gratuíta para elaborar un plan de empresa. Como sinalan os seus promotores en base á experiencia acumulada nos últimos anos, esta iniciativa permite impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados/as ou investigadores/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O prazo de presentación estenderase ata o próximo 30 de abril. Os mellores proxectos poderán optar ao Premio Base Tecnolóxica, dotado con 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamos participativo; ao Premio Empresa Xove, cunha dotación de 2.000 euros; e ao de Muller Emprendedora, dotado coa mesma cantidade en metálico. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar as bases do concurso na web de Uniemprende.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2013.