Ir o contido principal

O concurso de vídeos ‘Cambio climático e nós’ amplía o prazo de presentación de propostas ata o 15 de outubro

Cartaz do certame de vídeos 'Cambio climático e nós'
Cartaz do certame de vídeos 'Cambio climático e nós'
O certame convocado pola Facultade de Ciencias e o SNL da USC busca implicar á comunidade estudantil na procura de alternativas innovadoras e creativa para loitar contra os efectos do cambio climático
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC amplían ata o vindeiro 15 de outubro o prazo de presentación de candidaturas ao  concurso de vídeos ‘Cambio climático e nós’. O obxectivo desta iniciativa universitaria é o de sensibilizar ao estudantado das universidades galegas, así como ao alumnado de ESO, BAC e FP, sobre a ameaza que representa o cambio climático, ao tempo que pretende motivar á poboación máis nova para avanzar cara os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

As pretensións deste certame de videocreacións impulsado desde a USC son ambiciosas. Así, alén de afondar na sensibilización sobre as consecuencias do cambio climático, o concurso ‘Cambio climático e nós’ favorece unha reflexión ao respecto desta realidade e intenta dotar á mocidade de coñecemento, habilidades e motivacións para comprender e abordar os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) da Axenda 2030. Outro dos retos dos organizadores pasa por fomentar o cambio de hábitos pouco sustentables entre a sociedade, así como novas investigacións sobre alternativas ou solucións e, entre outros, o aproveitamento de enerxías menos contaminantes.

Conexión co alumnado

Afondar na conexión da USC coas novas xeracións e atraer ao alumnado cara a actividade científica desenvolvida en lingua galega e con formatos audiovisuais atractivos constitúen outros dos cometidos do concurso ‘Cambio climático e nós’, un certame cuxo prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 15 de outubro de 2020. As persoas interesadas en tomar parte este concurso deberán presentar, a través dunha canle de Youtube, un vídeo inédito en galego sobre o cambio climático e dun máximo de 2 minutos de duración, tal e como se recolle nas bases do concurso.

O cambio climático converteuse nunha da maiores ameazas para a humanidade e xa comezamos a percibir as súas consecuencias. A evidencias como o son o aumento da temperatura global, o desxeo nos polos ou a suba do nivel do mar, súmanse outros impactos económicos e sociais, tales como as secas e outros fenómenos meteorolóxicos extremos, os mega-incendios, os danos nas colleitas... Estes efectos poden chegar a ser devastadores se non se reducen as emisións de gases que agudizan o efecto invernadoiro.

Fronte a esta realidade, este concurso antóllase como unha iniciativa máis para avanzar na loita contra esta problemática, ben a través de prácticas e condutas sustentables, ben con ideas innovadoras. Porén, todos podemos contribuír, coas nosas condutas e con ideas innovadoras que permitan mitigar ou, cando menos, minimizar as súas consecuencias máis graves, sinalan desde a organización.

Categorías e premios

O concurso contempla dúas categorías, unha dirixida ás comunidades universitarias do Sistema Universitario Galego (UdC, USC e UVigo), e outra, a todo o alumnado galego de secundaria (ESO, Bacharelato e FP). Aínda que o enfoque no tratamento do tema é libre, o xurado valorará especialmente aquelas pezas que presenten posibles solucións para contribuír a combater o cambio climático. A orixinalidade e corrección científica da proposta, a calidade técnica (imaxe e son) e a corrección lingüística son outros parámetros que se terán en conta.

A proposta gañadora na categoría de comunidade universitaria recibirá como agasallo un premio en metálico por valor de 500 euros, mentres que o premio para a categoría de alumnado preuniversitario será de 250 euros. Os galardóns entregaranse nun acto público que se desenvolverá na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e no marco do que un científico ou científica galego de referencia ofrecerá un relatorio sobre os efectos do cambio climático e sobre medidas para frealo.

Compromiso coa Axenda 2030

A USC asinou en novembro de 2019 o seu compromiso coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable da ONU, ‘Unha oportunidade coas persoas e o planeta’. O concurso ‘Cambio climático e nós’ encádrase neste contexto e está especialmente aliñado co obxectivo número 13 do ODS “Tomar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos.”

A USC pode contribuír a cumprilos dotando ao alumnado do coñecemento, as habilidades e a motivación para comprender e abordar os ODS (“educación para o desenvolvemento sustentable, EDS), fornecendo experiencia académica para implementar solucións aos ODS, fomentando o desenvolvemento das capacidades de estudantes e apoderando e mobilizando a mocidade.

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2020.