Ir o contido principal

A Conferencia de Decanas e Decanos de Medicina debate dende Compostela os retos da educación médica

Este órgano centra a súa actividade na promoción do desenvolvemento científico, técnico, socio-sanitario e cultural da Medicina. Imaxe de arquivo dunha clase práctica na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Este órgano centra a súa actividade na promoción do desenvolvemento científico, técnico, socio-sanitario e cultural da Medicina. Imaxe de arquivo dunha clase práctica na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
“Esta profesión atópase en constante reforma”, explica o decano Julián Álvarez, quen lembra que estas xuntanzas que se realizan cada seis meses “permiten un contacto permanente para limar os problemas do día a día”
Santiago de Compostela

A Conferencia Nacional de Decanas e Decanos de Facultade de Medicina desenvólvese dende este xoves 16 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca para debater e actualizar as principais cuestións que afectan a formación dos futuros profesionais da Medicina. “A profesión médica atópase en constante reforma”, explica o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC Julián Álvarez, quen lembra que estas xuntanzas que se realizan cada seis meses “permiten un contacto permanente para limar os problemas do día a día”. 

Este órgano centra a súa actividade na promoción do desenvolvemento científico, técnico, socio-sanitario e cultural da Medicina e na formación dos médicos españois, así como no estudo, reflexión e análise dos problemas que inciden no ámbito da Educación Médica en España. Esta é a segunda vez que a Conferencia se desenvolve en Compostela. 

O foro que se estenderá ata o venres 17 servirá de marco para a presentación do Estudo de Xénero en diferentes ámbitos profesionais da Medicina e abordará cuestións como a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas de ditos corpos, a proba ECOE (Exame Clínico Obxectivo Estruturado) ou a actualización da información referente ao financiamento extraordinario polo incremento de prazas do grao en Medicina (RD 698/2023). 

A cotización á Seguridade Social do alumnado de prácticas clínicas será outra das cuestións abordadas na Conferencia, xunto co impacto da LOSU no desenvolvemento da docencia ou a ABAU para o grao en Medicina. A avaliación do selo World Federation for Medical Education (WFME) tamén integra o programa da Conferencia. 

O acto inaugural presídeo o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, nunha sesión na que tamén participan os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; de Sanidade, Julio García Comesaña; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do presidente da Conferencia, José Pablo Lara; e do decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Julián Álvarez Escudero. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2023.