A Conferencia Electrónica de Química Orgánica Sintética duplica o número de comunicacións e suma 229 traballos
A vixésima cuarta edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC-24), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, duplica o número de comunicacións presentadas para o debate nesta edición, na que se contabilizan un total de 229 traballos e estudos científicos de investigadores procedentes de países de todo o mundo, unhas achegas que serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán en rede desde o 15 de novembro ata o 15 de decembro.
O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor desta conferencia electrónica, pioneira entre as do seu xénero, ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas Vázqez, salienta que este éxito de participación na ECSOC-24 contribúe a dar visibilidade ao liderado da USC na aplicación e no uso das novas tecnoloxías na actual conxuntura sociosanitaria. O tamén profesor na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo considera asemade que o éxito da convocatoria desta última edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica permite ao grupo de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC reclamar a súa condición de pioneiro no descubrimento e na promoción deste tipo de congresos virtuais desde hai xa dúas décadas.
Respecto da temática das comunicacións presentadas, o presidente do comité científico da ECSOC-24 destaca o incremento de traballos en todas as seccións, aínda que fai especial fincapé no capítulo de química computacional, no que se quintuplicou o número de comunicacións. Seijas Vázquez relaciona este feito coas dificultades que depara a pandemia para desenvolver traballo experimental en laboratorio, unha conxuntura que levou ao moitos grupos de investigación a canalizar a súa actividade cara a chamada química ‘in silico’ (traballo en ordenador ou por simulación computacional).
Unha vez finalizado o prazo de presentación de traballos e comunicacións científicas, as distintas sesións de debate e análise programadas no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual desde o 15 de novembro ata o 15 de decembro de 2020 a través do espazo web do congreso. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 24, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...