A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica que promove a Facultade de Ciencias recibe 150 comunicacións
A décimo oitava edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC 18), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación de Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas e Pilar Vázquez Tato, recibiu xa 150 comunicacións de investigadores de todo o mundo para o seu debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán durante o mes de novembro.
O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor deste congreso ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de lembrar a calidade dos traballos está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico, analiza e supervisa cada unha das propostas recibidas antes da súa inclusión definitiva no congreso, Seijas remarcou que nesta edición da ECSOC cómpre salientar o elevado número de comunicacións remitidas por investigadores de Irán, Do mesmo xeito que en anos anteriores, os promotores desta edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica conta con financiamento da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo da USC, ao tempo que tamén reciben unha achega económica da Rede Galega de Líquidos Iónicos. As distintas sesións de debate e análise programados no marco desta conferencia internacional desenvolveranse de xeito virtual a través do espazo web http://www.sciforum.net/conf/ecsoc-18 a partir do día 1 e durante todo o mes de novembro. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 18, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas... Alén da dilatada traxectoria da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica, un congreso internacional que xa vai pola edición número 18 e que desde hai máis dunha década organiza o grupo de investigación en Novas Metodoloxías Sintéticas da USC, Julio A. Seijas, subliñou que este tipo de congresos favorece a relación e o establecemento de contactos entre investigadores de moi distintos países, ao tempo que tamén reforza a posición da USC no escenario mundial e contribúe, se cabe, a dar unha maior visibilidade internacional ao campus de Lugo e ás investigacións que nel se desenvolven no eido da Química.