A Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE) reúnese estes días na USC
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC inaugurou este xoves 31 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a xuntanza da Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE). O acto de apertura contou coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do reitor da USC, Juan Viaño; do secretario xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Jorge Sáinz González; a presidenta de CONFEDE, Ana María López; e a decana da Facultade, Emilia Vázquez.
A reunión xunta este xoves e o venres na facultade compostelá do Campus Norte un total de 80 decanos e vicedecanos de Economía e Empresa para procurar acordos, transmitir información de interese e artellar a opinión do colectivo. A conferencia ten lugar en Santiago co gallo do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia. A CONFEDE constituíuse no ano 1998 en Albacete e forman parte dela as decanas e os decanos das facultades e centros autorizados para expediren e impartiren os diversos títulos oficiais en Economía e Administración e Dirección de Empresas.
Programa Logo do acto inaugural, a primeiro sesión de traballo aborda ‘O futuro das universidades: estudos universitarios e avaliación da calidade’, tema que presentan o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Eduardo López Pereira. A continuación está prevista a Asemblea da CONFEDE, tratando diversos asuntos de organización e funcionamento, ademais do informe da presidencia. Esta primeira sesión complétase coa intervención do secretario xeral Jorge Sáinz González referíndose ao proceso de acreditación do profesorado na universidade española.
O programa do venres 1 de xuño comezará ás 9.30 horas cunha análise da estrutura dos graos de Economía e Empresa, e continuará aludindo ás particularidades do selo de calidade europeo equivalente a ERACE en enxeñaría, á articulación da acreditación por centros en lugar de por titulacións ou ás acreditacións internacionais. Os seguintes bloque de traballo serán sobre internacionalización, con especial atención ás prácticas curriculares internacionais e os requisitos para o profesorado de titulacións impartidas con grupos bilingües, e sobre o perfil de entrada do alumnado, ámbito no que se abordará a problemática da materia de Economía en Bacharelato e o recoñecemento de materias cursadas nese ciclo para acceder a titulacións de Economía e Empresa. O programa rematará cunha mesa aberta de intervencións.
De esquerda a dereita, Alberto Núñez Feijóo, Emilia Vázquez, Juan Viaño e Jorge Sáinz. Foto: Pedro Casal