Conferencia na Facultade de Veterinaria sobre a besnoitiose bovina, unha enfermidade emerxente en Europa
A Asociación para a Promoción da Investigación nos Niveis Predoutorais (APIP) organiza o luns 3 ás 19.00 horas unha charla sobre besnoitiose bovina na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo. A encargada de impartir o relatorio será a profesora alemá Nicole Gollnick, da Clínica para Ruminantes da Universidade Ludwig-Maximilians de Múnic.
A besnoitiose bovina é unha doenza provocada por un protozoo parasito, que en 2010 foi declarada como emerxente no gando vacún pola Autoridade Europea de Saúde Pública, debido ao importante incremento no número de animais afectados e á súa expansión xeográfica, con casos en Francia, Alemaña, Italia, Portugal e España.
Segundo os organizadores do encontro, “na actualidade descoñécense moitos aspectos da epidemioloxía da enfermidade e do seu ciclo biolóxico, e especúlase que sexan os gatos os que transmiten a enfermidade ao gando vacún, aínda que o seu espallamento se produza despois mediante o contacto directo entre animais sans con animais infectados a través de feridas ou escoriacións”.
A besnoitiose é unha enfermidade debilitante e de curso crónico, que orixina tanto lesións tanto na pel coma de xeito xeneralizado nos animais infectados, e fronte á que na actualidade non existe nin tratamento nin vacina eficaz. Por este motivo, as medidas de control baséanse exclusivamente no diagnóstico e sacrificio dos animais afectados, de modo que é imprescindible coñecer como se manifesta esta doenza nos animais e os distintos métodos de diagnóstico dispoñibles, aspecto sobre o que se centrará a conferencia da doutora Gollnick.
Nicole Gollnick, licenciada en Veterinaria pola Universidade de Hannover, ten unha ampla experiencia investigadora en patoloxía animal e participou activamente no diagnóstico dos primeiros casos de besnoitiose bovina en Alemaña e Italia. Na actualidade está a desenvolver a súa tese de habilitación sobre diversos aspectos desta enfermidade, o que a converte nunha das referencias internacionais nesta patoloxía.
Na mesa da conferencia, ademais da relatora, participan o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Pablo Díez Baños; a presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios da Provincia de Lugo, Ana María López Pombo; e a vicedecana de Prácticas Externas e Calidade da Facultade de Veterinaria, Marta Miranda Castañón.
O encontro está coorganizado pola asociación APIP, o Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria, o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo e a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, e conta co financiamento da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua.