Ir o contido principal

Conferencia en Filosofía sobre os sistemas forestais en Galicia

A catedrática de Edafoloxía e química agrícola da USC Rosa Calvo de Anta impartirá este mércores 11 ás 19.00 horas no Salón de actos de Filosofía a conferencia ‘Galicia e os sistemas forestais: unha ecuación complexa’, convidada por Alumni USC.

Na súa intervención falará das relacións do medio natural de Galicia e as aptitudes do territorio para diferentes usos agronómicos, enfatizando as alternativas forestais, a influencia de diferentes especies arbóreas, os bosques naturais e os sistemas forestais de produción. Tratará tamén as principais ameazas dos bosques nun contexto mundial e as políticas adoptadas en Galicia, España e Europa.

A relatora Rosa Calvo de Anta, profesora na Facultade de Bioloxía e na ETSE, é autora de máis de cen artigos científicos e de diversos libros, entre outros o titulado El eucalipto en Galicia. Su relación con el medio natural.

Ao longo de máis de corenta anos desenvolveu varias liñas de investigación dedicadas á tipoloxía dos solos de Galicia, a súa avaliación e aptitudes para diferentes usos, o solo como sumidoiro de carbono e os solos forestais e a influencia das diferentes especies arbóreas nas súas propiedades. Foi ademais responsable da elaboración do mapa de solos de Galicia editado pola Xunta de Galicia en formato dixital e papel. No ámbito da contaminación e recuperación de solos destaca o deseño do plan de recuperación da conca do Guadiamar tras o desastre ecolóxico de Aznalcollar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2018.