Unha conferencia en Lugo aclara dúbidas sobre os dereitos fronte ao consumo
As charlas sobre o consumo que desenvolve en Lugo a asociación IV Ciclo Universitario continúan este mércores 30 coa intervención da avogada Vanesa Arbesu González. Será ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo. Na súa conferencia Vanesa Arbesu falará dos dereitos de usuarias e usuarios ante a liberalización do mercado da enerxía eléctrica e explicará os principais motivos de reclamación. Ademais, tratará a importancia da publicidade no consumo e fará algunhas reflexións sobre o endebedamento das familias e posibles solucións. Por último, explicará en que consiste e como funciona a arbitraxe de consumo como método eficaz de resolución das reclamacións de consumidores. Vanesa Arbesu González dirixe a Asociación de Consumidores e Usuarios de Lugo (ACUL) e é membro do bufete Jacobo Vázquez Avogados. Anteriormente foi avogada da Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU).