A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo reúnese este martes na USC
A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), formada por 14 universidades –3 galegas, 8 de Castela e León e 3 portuguesas- e catro centros politécnicos liderados polo Instituto de Braganza, manterá este martes 4 na USC unha reunión da súa comisión executiva.
A xuntanza dará comezo ás 10.30 horas no Salón reitoral do Colexio de San Xerome cunha benvida por parte do reitor Antonio López. A continuación, e baixo a presidencia do presidente da CRUSOE, Vieira de Castro, darase paso á sesión na que se aproveitará para preparar os temas a tratar na xuntanza que seguidamente –ás 12.30 horas- terá lugar no mesmo espazo, unha reunión conxunta do grupo de traballo ‘Educación, Universidades e Investigación’ da CRUSOE e do grupo de seguimento da Macrorrexión RESOE.
Esta xuntanza conxunta CRUSOE-RESOE presidiraa o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Nela, entre outras cuestións tratarase a creación da Secretaría Executiva da CRUSOE, a posibilidade de estender a rede ao País Vasco e Aquitania e alianzas con outros territorios do Arco Atlántico.