Conferencia de Victoria Camps Cervera esta tarde en Filosofía
A catedrática emérita de Filosofía moral e política da Universidade Autónoma de Barcelona Victoria Camps Cervera intervén esta tarde, ás 17.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, cunha conferencia titulada ‘A cidadanía no século XXI’.
Victoria Camps foi senadora polo PSC entre os anos 1993 e 1996 e conselleira do Consell Audovisual de Catalunya entre 2002 e 2008. Presidenta da Fundació Víctor Grifols i Lucas e membro do Comité de Bioética de Cataluña, presidiu ademais o Comité de Bioética de España. Desde 2013 é vicepresidenta da Asociación Federalistes d'Esquerres que xurdiu a partir do documento Llamamiento a la Cataluña Federalista y de Izquierdas do que foi unha das impulsoras.
Entre os seus libros destacan La imaginación ética, Virtudes públicas (Premio Espasa de Ensaio), Paradojas del individualismo, El siglo de las mujeres, La voluntad de vivir, Creer en la educación, El declive de la ciudadanía, El gobierno de las emociones (Premio Nacional de Ensaio). En 2008 foi galardoada co Premio Internacional Menéndez Pelayo.
A conferencia enmárcase no ciclo Filosofía na Rúa que organiza esta semana a propia facultade conmemorando o Día Internacional da Filosofía.