Ir o contido principal

Un congreso afonda na importancia dos lugares sagrados no fenómeno relixioso

Catedral de Santiago de Composetla. FOTO: Diego Delso  Licenza CC-BY-SA
Catedral de Santiago de Composetla. FOTO: Diego Delso Licenza CC-BY-SA
A Universidade de Santiago de Compostela dá abeiro ao XIV Congreso da Sociedade Española de Ciencias das Relixións, un encontro que profunda na conexión de espazo e relixiosidade dende unha perspectiva multidisciplinar
Santiago de Compostela

A USC acolle do 10 ao 12 de maio o XIV Congreso da Sociedade Española de Ciencias das Relixións e que leva por título 'Ad loca santa: lugares, espazos e presenzas'. O encontro arranca este mércores ás 16.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia para profundar no rol que os lugares sacros e sacralizados, os santuarios, os templos, os lugares de culto e os espazos que se asignan á divindade ocupan como dispositivos esenciais para comprender o que supón 'pór en escena o divino' e amosar como se tece a relación da humanidade coa esfera do sacro. Neste senso, “a percepción da divindade con frecuencia realízase no espazo e materialízase a través do concepto de presenza e de visión da natureza divina”,  apuntan dende a organización.  Así mesmo, proseguen, “a propia noción espacial que asigna un lugar privilexiado e marcado para o desenvolvemento das actividades relixiosas e culturais xerou o fenómeno da peregrinación que implica unha percepción peculiar do espazo e o exercicio da relixiosidade”. 

A Sociedade Española de Ciencias das Relixións promove este encontro que procura un achegamento multidisciplinar ao estudo do fenómeno relixioso para co gallo de  establecer novas miradas conceptuais e metodolóxicas que se enriquecen no intercambio académico e científico. Ese é o obxectivo esencial do congreso que se desenvolve na cidade de Santiago de Compostela, “á que se asocia non só a peregrinación, senón a elección dun lugar privilexiado onde se expresaron aspectos do fenómeno relixioso que a converteron nun dos loca sancta no que materializar esta relación co divino”,  indican.

As Facultades de Xeografía e Historia e de Filosofía da USC dan acubillo ás distintas sesións deste encontro que conta co apoio dos grupos SÍNCRISIS e ECOPAST da USC, do Instituto Teolóxico Compostelán, do Museo das Peregrinacións e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O programa completo de sesións está dispoñible en liña.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2023.