O congreso ‘Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos’ fará balance da significación intelectual do SEG

O 12 de outubro de 1923 un grupo de ilustres estudantes da USC camiñaron xuntos ata a casa de Rosalía de Castro en Ortoño. Esa andaina derivou na creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución científica determinante no futuro do país. Cen anos despois, diferentes entidades repiten aquel percorrido cun acto festivo aberto á cidadanía.
Este é un dos actos centrais que conmemora o centenario do SEG e que debullaron este mércores a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o alcalde de Ames, Blas García. Alén da festa popular do día 12 de outubro, na véspera (días 10 e 11) terá lugar o congreso ‘Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos’, que fará balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia do SEG.
Congreso
A primeira das sesións situará o proxecto de Seminario no seu contexto histórico. Será Justo Beramendi, profesor emérito de Historia Contemporánea da USC, quen ofreza ese marco ao que seguirá unha mesa redonda con Uxío Breogán, Alfonso Mato e Pilar García Negro.
A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. A conferencia marco chega da man de Ramón Villares. Logo da súa intervención, Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa profundarán sobre o tema nunha mesa redonda.
As terceiras e cuartas sesións concentraranse nas áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Nestas sesións haberá dous relatorios destacados: un a cargo de Xerardo Pereiro, profesor asociado no Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, que fala da antropoloxía dos discursos do Seminario de Estudos Galegos sobre as identidades galegas; máis outro de Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da USC, titulado ‘Lingua nacional, idioma moderno’.
O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.