O Congreso dos Deputados premia a tese dunha investigadora en Economía da USC centrada na importancia do capital social
O Congreso dos Deputados convoca uns premios anuais dirixidos a teses de doutoramento de interese para a institución nos campos do dereito, as ciencias políticas, a socioloxía, a economía e o xornalismo. Nesta edición, o galardón na especialidade de Economía recaeu na investigadora lucense da USC Marta Portela Maseda, doutora en Economía pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, quen presentou o traballo Capital Social e Desenvolvemento en Europa.
A tese de doutoramento premiada analiza o capital social como un aspecto importante que se debe ter en conta no crecemento e o desenvolvemento económico dos países. “O capital social representa un dos maiores desafíos nos estudos de crecemento e desenvolvemento. É posible que se trate do elemento clave que axude a explicar os diferentes graos de progreso nas distintas economías e sociedades nas que os outros factores que se estudan son similares”, indica Marta Portela. A galardoada explica tamén que o capital social “é un factor multidimensional, é dicir, analiza diferentes aspectos sociais relacionados co crecemento e o desenvolvemento sustentable e considera elementos como a confianza, as redes e as normas sociais”.
Portela destaca que na actualidade “estamos inmersos nunha crise económica que moitos analistas cualifican como unha crise de confianza. Este é un dos alicerces sobre o que se asenta o capital social. A confianza ten dúas vertentes: confianza nos demais e confianza nas institucións. E unhas institucións fortes, con normas claras e regras de xogo coñecidas, xeran confianza na sociedade; pola contra, a opacidade e a perda de confianza nelas, unido a que os cidadáns están cada vez máis formados e, por tanto, son cada vez máis críticos, levan a unha perda de confianza xeral”.
A investigadora considera que lograr que os cidadáns perciban que poden confiar nas institucións (goberno, banca, mercados financeiros, proporcionará un maior clima de confianza xeneralizada. Segundo Portela, “isto levaría aos cidadáns a confiar nas posibilidades da economía e na necesidade de retomar o consumo, que se retrae ante situacións de incerteza”.