Ir o contido principal

Un congreso e unha exposición conmemoran os 75 anos da radio en Galicia

Presentación do proxecto “Galicia pola radio. Dos anos trinta á actualidade” , de esquerda a dereita: Xosé Soengas, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Teresa Porto, directora da...
Presentación do proxecto “Galicia pola radio. Dos anos trinta á actualidade” , de esquerda a dereita: Xosé Soengas, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC; Teresa Porto, directora da...
'Galicia pola radio. Dos anos trinta á actualidade'

O congreso sobre os 75 anos da radio en Galicia desenvolverase entre os días 6 e 8 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, organizado pola propia Facultade en colaboración coa Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia. O encontro enmárcase nun proxecto máis amplo, denominado “Galicia pola radio. Dos anos trinta á actualidade”, que serviráde conmemoración do nacemento da radio en Galicia e que inclúe unha exposición, en febreiro de 2009, na sede da Fundación Caixa Galicia en Compostela.
O proxecto presentouse na Fundación Caixa Galicia nun acto no que participaron Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia; Manolo Rodríguez, comisario da exposición e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Xosé Soengas, catedrático de Comunicación Audiovisual da USC e presidente do Comité Científico deste evento; e Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia. Todos eles coincidiron en destacar a importancia que “tivo e ten a radio no panorama da comunicación”.
Unha completa exposiciónO son radiofónico destes 75 anos de radio en Galicia, para o que se está a facer un labor de localización e recuperación, será o fío condutor da mostra, dividida en cinco grandes seccións cronolóxico-temáticas. A través de materiais históricos das emisoras, profesionais e coleccionistas e de contidos complementarios diversos –fotografía, documentos, bibliografía, etc.-, amosarase o máis característico da radio que se fixo nesta comunidade desde os seus inicios.
Os contidos completaranse cun espazo dedicado ao Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega e a recreación dun estudo de radio dos anos oitenta, xusto antes do inicio da dixitalización do medio, complementado cun anexo con tecnoloxía actual para a emisión e realización de programas radiofónicos. A mostra contará cunha serie de actividades e materiais complementarios (unidade didáctica, talleres para escolares, etc).
Galicia pola radio quere homenaxear a un medio esencial de comunicación, pouco recoñecido como obxecto histórico ata o de agora en Galicia, e reavivar a memoria persoal e sentimental -tamén a reflexión- dos galegos na súa relación con el. Amosaralle, ademais, aos máis novos a relevancia histórica e a singularidade da radio, poñendo en valor o patrimonio radiofónico e sonoro propio, que tamén forma parte da historia galega do s. XX.
A historiaA radio en Galicia naceu un día de xaneiro de 1933 en Santiago de Compostela, anunciada como un medio da modernidade para a cultura e a identidade propias. A primeira emisora foi a actual Radio Galicia. Nos dous anos seguintes xurdiron emisoras na meirande parte das cidades. Desde os anos corenta aparecerían RNE na Coruña e as numerosas emisoras ligadas ao réxime franquista. O inicio dos sesenta foi o das emisoras parroquiais da Igrexa, chegando logo a FM e a radio musical, para a finais dos setenta nacer, tras varios e relevantes intentos anteriores, a actual radio informativa galega, e nos oitenta, as novas emisoras e cadeas autonómicas e de alcance estatal.
Galicia pola radio amosará o devir deste proceso a través das iniciativas e programas propios que desde os inicios elaboraron as emisoras desta comunidade autónoma, aínda que unha boa parte da programación que se emite é de ámbito e alcance español.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.06.2008.