Un congreso iberoamericano sobre cultura e memoria aborda sen tabús desde Lugo as diferentes perspectivas da morte
O achegamento sen tabús ao concepto e a inevitable realidade da morte desde diversas perspectivas centra a temática da primeira edición do Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un evento científico e divulgativo promovido polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC, que dirixe a catedrática de Historia da Arte, Ana Goy Diz, e o Concello de Lugo co gallo da celebración do 70 aniversario do cemiterio municipal de San Froilán.
A celebración deste foro arredor da morte, que cita ata o sábado 1 de decembro no Vello Cárcere da capital luguesa preto de 120 participantes chegados de diversas localizacións españolas, conta tamén cunha ampla difusión na comunidade iberoamericana a través das plataformas dixitais da Rede Iberoamericana de Cemiterios Patrimoniais, cuxo presidente, Luis Dulpot, participou este venres na apertura do congreso, no marco dunha sesión na que tamén interviñeron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo Jesús Varela Zapata; o vicepresidente da Asociación Nacional de Entidades e Empresas de Servizos Funerarios e Cemiterios, José Antonio Muñoz; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como a concelleira Rosana Rielo e a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez.
O I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria: As perspectivas da morte constitúe, alén dunha oportunidade para afondar nunha temática arrodeada de tabús desde ópticas diferentes da visión patrimonial dos cemiterios. Daquela, a dimensión transcendental e as diferentes representacións históricas da morte, a súa diversa pegada cultural a través dos diferentes ritos, a antropoloxía da morte, os grandes cemiterios monumentais e mesmo o máis recente debate sobre a morte digna, son algunhas das cuestións a tratar nas comunicacións e relatorios incluídos no programa dun “congreso que axudará a proxectar a imaxe de Lugo por todo o mundo”, salienta Ana Goy.
A directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade sinalou asemade que este congreso internacional de cultura e memoria supón a última e quizás a actividade máis visible das encomendadas polo Concello de Lugo á Facultade de Humanidades do campus lugués no marco dun convenio orientado a valorizar a riqueza cultural e patrimonial do cemiterio San Froilán.
Esta liña de colaboración que comezou hai xa catro años deu pé a que non poucos estudantes e investigadores da Facultade de Humanidades da USC realizaran estudos de inventariado e catalogación de panteóns e nichos funerarios, ademais doutras investigacións de carácter historiográfico, cultural e artístico, dixo Goy.
Relatores e participantes no I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria: As perspectivas da morte