Ir o contido principal

O congreso 'I+C Investigar a comunicación' pechou cunha conferencia sobre a publicidade en Galicia

O profesor Giuseppe Richeri, conferenciante no congreso 'I+C Investigar a comunicación', visitou o Gabinete de Comunicación da USC no Colexio de San Xerome
O profesor Giuseppe Richeri, conferenciante no congreso 'I+C Investigar a comunicación', visitou o Gabinete de Comunicación da USC no Colexio de San Xerome

‘Dos universos iconográficos contemporáneos: consume cocos galegos’ é o título da conferencia coa que o publicista Miguel Conde pechou o Congreso Internacional Fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) ‘I+C. Investigar a comunicación’ que se celebrou ata este venres na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Na súa intervención profundou na situación actual da publicidade en Galicia dende a súa perspectiva como creador dunha coñecida campaña para supermercados na que apela aos consumidores a “Vivir como Galegos”. Ao acto de clausura asistiron a presidenta da comisión organizadora do Congreso, Margarita Ledo, e o presidente da AE-IC, Miquel de Moragas.
Ademais, a última xornada do encontro abriu cun debate no que se abordaron as relacións de dependencia entre investigación e docencia nas Facultades de Comunicación. Na reunión participaron o decano deste centro compostelán, Miguel Túñez, xunto cos profesores da Universidade París VIII, Jacques Guyot; da Sapienza de Roma, Barbara Mazza; de Málaga, Juan Antonio García, e do País Vasco, Petxo Idoyaga.
As políticas de investigación e comunicación foi a cuestión da seguinte charla presidida pola vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso, e á que asistiron Miquel de Moragas, a directora xeral de Investigación do Ministerio de Educación e Ciencia, Montserrat Torné; o profesor da Universidade Carlos III Madrid, Manuel Palacio; e o da Autónoma de Barcelona, Emili Prado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2008.