Ir o contido principal

O congreso ‘Ilustrando a diversidade’ explora as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo

CampUSCulturae reunirá a vindeira semana a 150 asistentes de nove países europeos e americanos para explorar as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo, dentro do congreso ‘Ilustrando a diversidade’. Abordaranse contidos relacionados co libro ilustrado, a literatura infantil, a promoción da lectura de libros ilustrados, o cómic e a novela gráfica, a animación e as novas formas de ler imaxes. O acto oficial de inauguración celebrarase o vindeiro luns 20 a partir das 10.30 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación coa asistencia da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; xunto aos que tamén estarán os coordinadores do proxecto CampUSCulturae, Xosé A. Neira e Irena García, e o decano da facultade compostelá, Xosé Pereira. A xuntanza celebrarase entre o luns 20 e o xoves 23 con expertos procedentes de toda España, Holanda, Italia, Francia, Colombia, Brasil, Arxentina, Venezuela e Portugal, como unha ocasión de escoitar e disertar cos expertos en ilustración, arte, lectura, novela gráfica, cómic, álbum ilustrado e animación que participarán nas conferencias plenarias, mesas redondas e obradoiros que conforman a oferta académica e formativa do congreso. ‘ilustraMundos’

De xeito paralelo ao congreso, deseñouse a mostra ‘ilustraMundos’, unha exposición de once ilustradores de distintas culturas do mundo que exporán a súa obra na USC ata o próximo 20 de abril, no marco do mesmo congreso ‘Ilustrando a diversidade’. A exposición inaugúrase o próximo luns nun acto no Colexio de Fonseca a partir das 19.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2012.