Un congreso internacional afonda na análise da nova regulación das sociedades profesionais
A Lei 2/2007, de 15 de marzo, de sociedades profesionais será obxecto de profundo debate nun congreso internacional que se desenvolverá na Facultade de Dereito este xoves 6 e o venres 7. A inauguración oficial do encontro comezará ás 10:00 horas no Salón de Graos do centro coa presenza do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; da directora xeral de Xustiza, Begoña Santos; do decano do Colexio Notarial de Galicia, José Manuel Amigo; e dos codirectores do encontro, os profesores Javier Framiñán e Belén Trigo.
Logo do acto inaugural, terá lugar unha sesión de presentación da Lei na que o notario F. J. García Más referirase á ‘Xénese e significado la LSP’ e a catedrático de Dereito Civil da USC, Mª Paz García Rubio, a cuestións relativas ao ‘Problema competencial’. A xornada proseguirá coa intervención do profesor da Universidade de Murcia Leciñena Ibarra para referirse ao concepto de sociedade profesional e ámbito de aplicación. Pola tarde, as tres intervencións previstas incidirán en aspectos relacionados coa constitución e composición da sociedade profesional e coa transmisión da condición de socio profesional.
Aínda que a lei resolve as dúbidas sobre a admisibilidade das sociedades profesionais en España, os organizadores do encontro consideran que o texto da norma suscita cuestións “controvertidas” tanto desde o punto de vista teórico como respecto á súa aplicación práctica. O congreso servirá entón de foro de debate nesa materia, cunha aproximación interdisciplinaria e co apoio na perspectiva do Dereito Comparado.
Entre os relatores figuran profesores de Dereito Civil das Universidades de Santiago, Murcia e Granada así como notarios e catedráticos de Dereito Mercantil doutras Universidades españolas. O encontro rematará cun relatorio do profesor P. Morlupo sobre as sociedades profesionais no dereito comparado, concretamente o caso italiano.