Un congreso internacional analiza en Compostela a violencia de xénero desde unha perspectiva xurídica
Un congreso internacional na Facultade de Dereito reúne este mércores e xoves a numerosos especialistas en materia de violencia de xénero que tratarán esta problemática dende unha perspectiva xurídica. O encontro inaugurouse esta mañá nun acto no que participaron o reitor Juan Casares; a conselleira permanente do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; o decano da Facultade, Luis Míguez; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López; a directora xeral do Sergas, Esperanza Fernández; a decana do Colexio de Psicólogos, Rosa Álvarez; e a profesora da USC e presidenta do comité organizador, Raquel Castillejo. A conferencia inaugural, titulada ‘Construcións sociais vinculadas á violencia de xénero, correu a cargo da catedrática de Filosofía Moral da Universidade de Santiago, María Xosé Agra Romero. A xornada da mañá continuou coa mesa redonda ‘Xénero, trauma e vitimización secundaria: denuncia, dispensa do deber de declarar’ na que participaron Raquel Castillejo e o catedrático de Psiquiatría da Autónoma de Madrid, Enrique Baca, e coa conferencia ‘Xurisprudencia do Tribunal Constitucional en materia de violencia de xénero’ a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona, Juan Carlos Gavara de Cara. O resto do congreso estrutúrase en diversas mesas redondas sobre o concepto de violencia de xénero no Código Penal e na LO 1/2004, o tratamento do agresor, os indicadores de violencia de xénero, as medidas cautelares como a orde de afastamento, a persecución de actos de violencia de xénero en dereito comparado I e II e as respostas xudiciais á protección das vítimas. Ademais, inclúense as conferencias dos catedráticos de Psicoloxía Social da USC, Gonzalo Serrano; de Dereito Procesual da Carlos III, Víctor Moreno; e de Dereito Penal da Universidade de Málaga, Patricia Laurenzo.