Ir o contido principal

Un congreso internacional analiza a identidade europea e os intercambios culturais no Camiño na época medieval

A área de Filoloxía Románica do Departamento de Filoloxía Galega da USC organiza o Congreso Internacional ‘Identidade europea e intercambios culturais no Camiño de Santiago (séculos XI-XV)’, que se desenvolve en Filoloxía ata o 12 de novembro. A inauguración oficial estivo presidida polo reitor Juan Casares Long e nela participaron tamén o decano do centro, Ernesto González, e o profesor Santiago López Martínez-Morás. O encontro científico, que complementa ao celebrado en 2008 baixo o título ‘In marsupiis peregrinorum’, retoma a temática do culto e a peregrinación xacobeas e forma parte do proxecto Textos literarios medievais no Camiño de Santiago dirixido polo profesor Martínez-Morás, establecéndose unha nova liña de investigación no seo da área de Filoloxía Románica, referente internacional recoñecido en diversos xéneros literarios pertencentes á literatura medieval. Multidisciplinar De carácter multidisciplinar e organizado en catro xornadas e un total de sete sesións, o congreso abarca todas as manifestacións culturais xeradas en torno ao Camiño ou difundidas a través del. En concreto, contémplense tres liñas de estudo como son literatura -circulación de xéneros literarios, temas, motivos e textos-, historia -identidade europea e imaxinario cultural na Idade Media difundido a través do Camiño- e arte -difusión da Arte Románica- a través das rutas de peregrinación medievais.

Participan no encontro un total de 22 investigadores, especialistas de primeiro nivel nestas disciplinas tanto da propia USC como de universidades e centros de investigación de ámbito galego, español e internacional, que abordarán distintos temas dende perspectivas diversas, tomando como base as funcións que o Camiño asumía na conformación do acervo lingüístico, literario e cultural do noroeste peninsular, en concreto, e da Europa medieval en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2010.