Un congreso internacional analizará a comezos de marzo a nova regulación das sociedades profesionais
A Lei 2/2007, de 15 de marzo, de sociedades profesionais será obxecto de profundo debate nun congreso internacional que se desenvolverá na Facultade de Dereito os días 6 e 7 de marzo e cuxo prazo de inscrición aínda permanece aberto.
Aínda que a lei resolve as dúbidas sobre a admisibilidade das sociedades profesionais en España, os organizadores do encontro consideran que o texto da norma suscita cuestións “controvertidas” tanto desde o punto de vista teórico como respecto á súa aplicación práctica. O congreso servirá entón de foro de debate nesa materia, cunha aproximación interdisciplinar e co apoio na perspectiva do Dereito Comparado.
Entre os relatores figuran profesores de Dereito Civil das Universidades de Santiago, Murcia e Granada así como notarios e catedráticos de Dereito Mercantil doutras Universidades españolas. O encontro rematará cun relatorio do profesor P. Morlupo sobre as sociedades profesionais no dereito comparado, concretamente o caso italiano.
Dirixido polos profesores Belén Trigo e Javier Framiñán, a asistencia ao congreso suporá un crédito de libre configuración para todas as titulacións.