Un congreso internacional avalía a incidencia da innovación tecnolóxica no traballo
Un congreso internacional reunirá este xoves 5 e o venres na Facultade de Dereito da USC a persoal investigador procedente de Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia, Portugal Reino Unido e Rusia para analizar dende diversos enfoques a influencia da innovación tecnolóxica no futuro do traballo.
O encontro inaugurarase ás 9.00 horas nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño e no que tamén participarán a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero; a subdirectora xeral de Relacións Laborais, María Coutinho Villanueva; e a profesora da Facultade de Dereito Lourdes Mella Méndez, coordinadora xeral de CIELO laboral (Comunidad para la Investigación y el Estudio Laboral y Ocupacional) e do congreso.
Co lema ‘ Innovación tecnolóxica e futuro do traballo: aspectos emerxentes no ámbito mundial’, esta cita científica céntrase na influencia do actual desenvolvemento dixital e de innovación tecnolóxica na conformación “dunha nova forma de traballar e vivir que se presenta como autenticamente disruptiva e que xa se designa como a ‘Cuarta Revolución Industrial’”, explica a profesora Mella. Esta nova revolución, apunta, “vai marcar o futuro do traballo no mundo, tal e como están recoñecendo todos os organismo internacionais, entre eles, a Organización Internacional do Traballo”, cuxo director para España, Joaquín Nieto Sáinz, é o encargado de pronunciar a conferencia inaugural.
O congreso aborda especificamente a relación da innovación tecnolóxica e o seu impacto no emprego, no contrato de traballo individual e nas relacións colectivas. Neste senso, o encontro incide en temas de máxima actualidade e procurará dar resposta “a unha inxente cantidade de problemas xurídicos que poden derivar estes profundos cambios tecnolóxicos, sociais e laborais que vivimos”.