Ir o contido principal

Un congreso internacional en Ciencias da Educación revisa as posibilidades da aprendizaxe-servizo na universidade

De esquerda a dereita, Cecilia Vázquez, Carmen Fernández, Juan Viaño, Milagros Otero, Miguel A. Santos e Manuel Dios. Foto. Servimav-USC
De esquerda a dereita, Cecilia Vázquez, Carmen Fernández, Juan Viaño, Milagros Otero, Miguel A. Santos e Manuel Dios. Foto. Servimav-USC

O congreso sobre Aprendizaxe-Servizo Universitario reúne estes días en Ciencias da Educación (Campus Vida) a expertos nacionais e internacionais para avaliar as posibilidades deste fórmula pedagóxica que “pode ser de grande utilidade por representar unha magnífica mostra de pedagoxía experiencial”, explican os seus promotores. O encontro celébrase ata o próximo sábado 15 coa participación de investigadores de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Cabo Verde, Chile, Colombia, Estados Unidos, Irlanda, Israel, México, Portugal e de España.

A inauguración deste encontro presidiuna o reitor Juan Viaño este venres 14 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) lembrando que a USC alenta esta fórmula nas aulas mediante un plan de formación e innovación docente específico dirixido ao persoal docente e complementado cunha convocatoria específica, ademais das liñas de traballo que no plano da investigación impulsamos dende hai anos. Non obstante, “sabemos que isto non será suficiente e continúan sendo necesarios esforzos, para ir cara unha progresiva institucionalización da aprendizaxe-servizo no complexo engranaxe da universidade”, dixo Viaño. Na súa opinión esta modalidade “é unha ocasión e oportunidade educativa para construír máis sinerxías arredor de cambios necesarios nas nosas casas de estudo, que pasan por unha maior conexión entre experiencia de aula ou de laboratorio e experiencia social”.

Na sesión inaugural tamén participaron a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga; a directora xeral de Xuventude e Voluntariado; Cecilia Vázquez Suárez; a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios Diz; e o presidente do comité organizador, Miguel A. Santos Rego. Deseguido, Robert G. Bringle, da Indiana University-Purdue University Indianapolis, pronunciou a conferencia ‘A aprendizaxe-servizo nas universidades de Estados Unidos: balance e perspectivas’, que precedeu a unha mesa redonda sobre a institucionalización da aprendizaxe-servizo na universidades, na que interviñeron as profesoras María Jesús Martínez Usarralde, de Valencia, e Elisa Jato Seijas, da USC, e o profesor José L. Álvarez Castillo, da Universide de Córdoba.

A xornada da tarde comeza coa presentación de pósteres e comunicacións e conclue coa intervención a partir das 18.30 horas do presidente de Afundación e ex decano da Facultade de Educación da Universidade de Texas, Miguel A. Escotet, coa conferencia ‘A aprendizaxe-servizo e o futuro da educación superior’.

Como explican o equipo promotor do encontro, o proceso baseado en aprendizaxe-servizo (ApS) permite a implicación dos membros do grupo dende o primeiro momento en que se pon en marcha a experiencia. Engaden os seus estudosos que posto que cada paso deberá ser consensuado e aprobado polo grupo, isto outorga ao proxecto unha dose de sentimento de pertenza, con posibilidade de servir a modo de motivador intrínseco. No encontro de Ciencias da Educación prestarase especial atención a aplicación desde modelo na Universidade, por considerar que pode optimizar os procesos de ensino-aprendizaxe en consonancia coa declaración de Bolonia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2016.