Ir o contido principal

Un congreso internacional en Dereito aborda o impacto do teletraballo na forma de traballar e vivir

Tomando como referencia os modelos adoptados en Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Arxentina e España, un congreso internacional na Facultade de Dereito analizará a vindeira semana, os días 17 e 18, diferentes perspectivas do teletraballo, unha modalidade de “recoñecida importancia na sociedade actual” e que “cambiou a forma de traballar e vivir”, sinala a directora do congreso, a profesora Lourdes Mella, salientado o interese da temática proposta. Segundo a experiencia recollida nos últimos anos, o teletraballo pode ser unha vía axeitada para “harmonizar equilibradamente os respectivos intereses persoais e profesionais” de xeito que redunde na produtividade da empresa pero tamén permitindo atender os intereses privados dos traballadores e traballadoras. Ademais, e como explica a profesora Mella, existe interés en analizar a opción do teletraballo como “un remedio máis para loitar contra a crise económica dos últimos anos, en canto permite aforrar importantes custes económicos da empresa”. Ademais destas dúas reflexións, o encontro da vindeira semana prestará especial atención á lexislación no ámbito da Unión Europea e dos diversos Estados membro que “deberán ter como un dos obxectivos prioritarios o desenvolvemento de novas tecnoloxías e a súa incorporación ás empresas, en canto requisito ineludible dun emprego decente e de calidade”, explica Lourdes Mella. Así, o programa deseñado abarcará unha reflexións sobre as características básicas da consideración do teletraballo ou traballo a distancia e a domicilio; a organización do tempo de traballo, de descanso e conciliación nesta fórmula; o control empresarial e privacidade; ou a prevención de riscos laborais. Ademais prestarase atención a cuestións como o réxime xurídico da relación de teletraballo ou o e-work como mecanismo de inclusión social e responsabilidade social, ademais de revisar o marco xurídicos desta modalidade no Reino Unido, Francia, Italia, Alemaña e a experiencia de Arxentina no relativo ao novo contido na negociación colectiva e a certificación de competencias laborais e o teletraballo. Co lema ‘ E-work como modelo de flexibilidade, conciliación e produtividade no dereito español e comparado’, na Facultade compostelá citaranse expertos das universidades de A Coruña, Bordeos, Complutense de Madrid, Hull, Goethe, Minsk, Sevilla e da propia USC, así como representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Asociación Española de Dereito do Traballo ou do MInisterrio de Traballo de Arxentina. Esta é unha iniciativa que organizan a USC, a Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional e Comparadop do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais de Italia. Para acadar máis información sobre a participación neste congreso, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo alicia.villalba [at] usc.es (alicia[dot]villalba[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2015.