O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia continuou analizando a globalización do mundo lusófono
O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia abriu este martes 25 analizando a globalización no mundo lusófono. O debate, moderado pola catedrática da Universidade de Santiago Margarita Ledo, contou coa presenza do presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, quen describiu a globalización como un fenómeno económico, ideolóxico e xurídico no que se impón un pensamento único, dogmático e inquisitorial.
O profesor da Universidade Autónoma de Lisboa, Luís Moita, e o secretario de Articulación Institucional e Cidadanía Ambiental do Ministerio de Medio Ambiente de Brasil, Hamilton Pereira, tamén participaron neste diálogo indicando que nos oitos países de lingua portuguesa atopamos realidades similares que cómpre estudar en profundidade. Deseguido, ás 12:00 horas, celebrouse unha mesa redonda sobre comunicación, educación e cambio climático.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, profundarase no estado da educación ambiental en Brasil, Angola e Timor Occidental e, ás 20:30 horas, presentarase o III Seminario Compostela de Investigación en Educación Ambiental.
As xornadas, que se desenvolverán ata o vindeiro xoves 27 na Facultade de Filoloxía da USC, organízaas a USC xunto co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia (CEIDA) e a Universidade de A Coruña co obxectivo de sentar as bases dunha cooperación internacional en áreas como o turismo, o cambio climático, a xestión ambiental municipal ou a conservación da biodiversidade.
Outras xornadasA xornada do mércores 26 dará comezo ás 9:30 horas cun diálogo titulado ‘Medio ambiente, globalización e alterglobalización’ no que participará o director do CEIDA, Carlos Vales, e profesores universitarios de Brasil, Portugal e Madrid.
A continuación, o director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Xosé Benito Reza, moderará ás 12:00 horas unha mesa redonda sobre os desafíos educativos da conservación da biodiversidade na que debaterán o representante da Juventude Ecológica Angolana, Vladimir Russo; a docente da Universidade Federal do Río de Janeiro, Berta Koiffmann; e Carlos Vales.
Pola tarde, o estado da educación ambiental en Galicia, Cabo Verde e Mozambique será a cuestión a tratar a partir das 16:00 horas nunha reunión na que falarán o profesor da USC, Pablo Meira; a representante do Instituto Superior de Educaçao de Cabo Verde, Aidil Borges; e a membro do Ministerio para a Coordenação da Acção Ambiental de Mozambique, Vilela de Sousa.
Máis tarde, despois da reunión das distintas áreas de traballo constituídas dende a primeira xornada do congreso, a Facultade de Filoloxía acollerá ás 20:30 horas a asemblea da Asociación Internacional de Investigadores en Educación Ambiental NEREA investiga.
‘As identidades da Educación Ambiental’ é o título do diálogo co que dará comezo a xornada do xoves 27 ás 9:30 horas e no que participarán os profesores da USC Manuel Bermejo e José Antonio Caride xunto coa docente da Universidade Luterana de Porto Alegre, Isabel Carvalho. Deseguido, ás 12:30 horas, representantes de Portugal, Guinea Bissau, San Tomé e Príncipe profundarán sobre a situación da educación ambiental nestes países.
Na sesión vespertina, a partir das 16:00 horas discutirase sobre cooperación e sustentabilidade e, ás 18:30 horas, presentarase o Proxecto Voz Natura. Finalmente, ás 19:00 horas, exporanse os resultados obtidos nas áreas de traballo e, ás 20:00 horas, celebrarase o acto de clausura do congreso.
Actividades culturaisUnha das aspiracións deste congreso internacional é promover o intercambio cultural e de experiencias entre os participantes e a construción dunha identidade lusófono-galega. Por iso, de xeito paralelo ao encontro, organízanse outros espazos culturais abertos a todas as persoas interesadas como un concerto no Teatro Principal, visitas guiadas por Compostela, proxeccións de documentais ou a mostra dunha exposición fotográfica reveladora da realidade socioambiental dos países lusófonos, titulada ‘Ollando a lusofonía’ e situada na Facultade de Filosofía.