Ir o contido principal

O Congreso Internacional ‘Emilia Pardo Bazán, cen anos despois’ analiza en Compostela a curiosidade científica da autora galega

Manuel Bermejo, Antonio López, Mar Lorenz, José Manuel González Herrán e Rosario Álvarez, na apertura da xornada
Manuel Bermejo, Antonio López, Mar Lorenz, José Manuel González Herrán e Rosario Álvarez, na apertura da xornada
A USC acolle a cuarta xornada deste encontro que congrega boa parte das voces expertas na traxectoria e obra de Emilia Pardo Bazán con motivo do centenario do seu pasamento

O Salón Nobre do Pazo de Fonseca convértese este xoves na sede Congreso Internacional ‘Emilia Pardo Bazán, cen anos despois’, un encontro itinerante que arrancou o luns na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña e que chega agora a Compostela. Organizado pola RAG en colaboración coa USC e o Consello da Cultura Galega, o congreso súmase aos múltiples actos desenvolvidos en Galicia ao longo de 2021 en conmemoración do centenario do pasamento da autora e busca afondar na súa obra e traxectoria dende unha perspectiva científica.

Nesta primeira xornada do encontro en Compostela, reputadas figuras expertas exploran a viva curiosidade científica da autora e os seus vencellos coa universidade, coa comunidade académica e a cidade de Santiago.

O acto inaugural da xornada foi presidido polo reitor da USC, Antonio López, quen salientou as fondas conexións existentes entre a autora e a intelectualidade universitaria da época, “relacións que influíron moito en Emilia, pero tamén en quen puido coñecela de primeira man”. Antonio López lembrou a “débeda impagable” da Universidade coa autora, pois “foi a partir do seu nomeamento como secretaria da instrución pública cando se emitiu a orde do 8 de marzo de 1910 que, por primeira vez, admite que as mulleres puidesen entrar a facer estudos universitarios en igualdade de condicións que os homes e sen ningunha autorización administrativa previa”.

A inauguración contou tamén coa presenza da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e do presidente do comité organizador, o académico correspondente e profesor emérito da USC,  José Manuel González Herrán. González Herrán puxo en valor a fonda pegada que Compostela e a institución deixaron na autora. En palabras do académico “malia que as súas máis temperás inquedanzas científicas espertaron xa na súa infancia coruñesa, é aquí na minerva compostelá, onde atopará os libros e os mestres que lle permitirán non só fundamentar aquelas primeiras intuicións senón tamén ampliar esa curiosidade eminentemente universitaria cara a outras ramas e campos do saber”.

O remate do acto inaugural deu paso a un intenso programa de conferencias que reúne boa parte das voces expertas na autora. Ao longo do día, exploran as súas achegas a diferentes áreas de estudo, como as ciencias da natureza, a física, a historia medieval, a historia das literaturas española e francesa, a pedagoxía ou o dereito penal. Relatoras e relatores da USC como Manuel Bermejo Patiño,  Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Ana Mª González Noya, Andrés Díaz Pazos, Xoana Pintos Barral, María Luz Ríos, Javier López Quintáns, Arantxa Fuentes Ríos, María López Sández e Fernando Vázquez-Portomeñe, analizan e avalian escritos —algúns aínda inéditos ou escasamente coñecidos— da autora, correspondentes tanto aos anos de formación como de épocas posteriores, e que revelan o arraigamento e persistencia das súas primeiras inquedanzas científicas.

Xesús Alonso Montero, profesor xubilado da USC e integrante da RAG e do Consello da Cultura Galega, será o encargado de clausurar a sesión coa conferencia ‘Relendo La Tribuna de Emilia Pardo Bazán: observacións sociolingüísticas (e algo máis) sobre as vidas de Amparo e de Chinto’.

A xornada que se desenvolve na USC pode seguirse en liña a través de YouTube.

O Congreso Internacional continúa este venres no Consello da Cultura Galega cunha ollada ao pensamento social e feminista da autora e coa análise da súa pegada na sociedade da época. A xornada arrincará cunha conferencia de Isabel Burdiel sobre o feminismo de Pardo Bazán en perspectiva histórica. Jo Labanyi, María Xosé Porteiro, Marilar Aleixandre, Mónica Bar Cendón e Pura Fernández completarán a ollada de xénero dun programa no que tamén se profundará na relación da autora homenaxeada coa Galicia do seu tempo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2021.