Ir o contido principal

O congreso internacional de extensión rural pon en valor o impacto futuro das liñas estratéxicas do Campus Terra

O reitor Antonio López e o conselleiro de Medio Rural, José González, xunto cos organizadores, na inauguración do congreso europeo de extensión rural
O reitor Antonio López e o conselleiro de Medio Rural, José González, xunto cos organizadores, na inauguración do congreso europeo de extensión rural
O reitor da USC, Antonio López, apunta a formación, a investigación e a transferencia de innovación aos axentes produtivos como claves para a modernización do medio rural na apertura do congreso internacional que cita máis 200 técnicos e investigadores europeos relacionados co sector primario en Lugo, “o centro da extensión rural de Galicia e un modelo representativo de Europa”, sinala o conselleiro José González
Lugo

O congreso internacional sobre extensión rural promovido polas tres redes europeas de asesoramento rural (IALB, Eufras e SEASN) xunto coa USC reforza o acerto e o futuro impacto das liñas estratéxicas sobre as que se asenta o proxecto do Campus Terra, recoñecido como campus de especialización neste ámbito por parte da Xunta de Galicia, e apunta a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento e innovación aos axentes produtivos como elementos chave para a modernización do medio rural, segundo indicou o reitor da USC, Antonio López, na inauguración da reunión científica que cita ata o venres máis de 200 investigadores e técnicos europeos ligados ao sector primario en Lugo, “o centro da extensión rural de Galicia e un modelo representativo da realidade europea”, subliñou o conselleiro de Medio Rural, José González.

O conselleiro salientou a incuestionable importancia da extensión rural ou agraria no proceso de modernización do sector en Galicia, ao tempo que reivindicou a súa pertinencia para seguir avanzando no seu desenvolvemento sustentable. “O futuro dos sectores agragandeiros e forestais pasa por un desenvolvemento sustentable e circular”, dixo José González, quen ve prioritario para a consecución destes obxectivos o aproveitamento da superficie territorial actualmente desaproveitada.

O titular da Consellería de Medio Rural debullou na súa intervención a apertura deste congreso internacional algunha das singulares características que presenta Galicia, “unha rexión cunha superficie territorial de 30.000 quilómetros cadrados nos que se asentan miles de núcleos de poboación e dos que 95% se corresponde con superficie agraria e forestal. O sector primario suma en Galicia 76.000 explotacións agroforestais e gandeiras, xera un 9% do PIB autonómico e o 8% do emprego creado no territorio”, dixo.

A ordenación dos usos do territorio e a recuperación para actividade das 500.000 hectáreas de superficie tipificada como rural que actualmente se atopan abandonadas son dúas das prioridades na que traballa a Xunta de Galicia para avanzar no desenvolvemento sustentable e circular do medio rural, salientou José González, que tamén puxo en valor a colaboración que recibe da USC a Administración autonómica para a mellora e posta en valor dun medio rural de Galicia que, “dada a súa rica diversidade, pode entenderse como representativo da realidade europea”.

A intervención das diversas autoridades convidadas á inauguración deste congreso internacional sobre extensión rural, un foro no que están representados 30 países do vello continente, deu pé ao comezo dun amplo programa, no marco do que se desenvolverán ata o venres  16 grupos de traballo sobre temáticas de interese para a realidade agraria e rural,  ademais de visitas técnicas e xornadas de campo por toda a xeografía provincial.

Intercambio de experiencias

O congreso, concibido como unha plataforma de intercambio de coñecemento e intercambio científico e de experiencias útiles para mellorar a situación das áreas rurais de Europa, recala por vez primeira na Península Ibérica, onde os asistentes inscritos debaterán sobre os desafíos aos que se enfrontan as actividades agrarias e as persoas que as desenvolven, así como respecto dos retos que deben sortear as explotacións agrarias nun contexto de crecentes esixencias medioambientais, cambios normativos na Política Agraria Comúns...

Neste contexto de cambios e inestabilidade de prezos que obrigan a explorar novos mercados, as redes europeas de asesoramento rural entenden vital a potenciación dos servizos de extensión rural, ademais de medidas de innovación e investigación acaídas para mellorar as competencias técnicas, metodolóxicas e ata operativas dos axentes implicados no mundo rural en aras a avanzar cara a un desenvolvemento sustentable, segundo indica o profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Florentino  Díaz, que forma parte do comité organizador local, xunto con Martín Barrasa e outros docentes e investigadores da USC.

A coordinadora de Investigación e Innovación Agraria na UE (AKIS), Elena Teodora Mirón, abrirá a primeira quenda de intervencións nunha sesión plenaria moderada por Andrés Montero Aparicio, do Gabinete de Presidencia do Goberno de España, cun relatorio no que afondará sobre o cometido que desenvolven os servizos de asesoramento na transformación do sector agrario. De seguido, a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), Isabel Bombal Díaz, tratará a importancia da cadea de valor do coñecemento e da innovación para a mellora do medio rural. Un relatorio do director Xeral do Agacal da Xunta de Galicia, José Luis Cabarcos, sobre o estado actual do sector agroalimentario en Galicia, servirá de peche desta primeira palestra de relatorios.

A primeira xornada continuará en quenda de tarde coa celebración de grupos de traballo específicos. As visitas técnicas a diversos enclaves de Galicia, a fin de coñecer sobre o terreo diversas iniciativas e formas de aproveitamento, transformación, comercialización dos recursos agrícolas, gandeiros e mariños, centrará o xoves o programa dun congreso que terá continuidade o venres co relatorio ‘Integración de sectores agrario e forestal contra o cambio climático’, a cargo do catedrático da USC Antonio Rigueiro, e con diversas exposicións de asesores rurais de Galicia. Os congresistas aproveitarán a última xornada deste encontro para completar un treito do Camiño de Santiago desde Palas de Rei, unha camiñada que aproveitarán para poñer en práctica a metodoloxía ‘coaching’ no eido do asesoramento rural.

 

Participantes no congreso internacional sobre extensión rural, no auditorio de Veterinaria
Participantes no congreso internacional sobre extensión rural, no auditorio de Veterinaria
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2022.