Ir o contido principal

O congreso internacional ‘Historia a debate’, analiza o presente e futuro da disciplina como espazo de estudo e ámbito profesional

O congreso internacional ‘Historia a debate’, analiza o presente e futuro da disciplina como espazo de estudo e ámbito profesional
O congreso internacional ‘Historia a debate’, analiza o presente e futuro da disciplina como espazo de estudo e ámbito profesional
O reitor presidente este mércores o acto inaugural ás 16:00 horas no Auditorio de Ciencias da Educación

Analizar o futuro que lle agarda á historia como campo de investigación e como ámbito profesional resume a idea perseguida polo Congreso Internacional Historia a Debate, cuxa cuarta edición comezou este mércores 15 na Facultade de Ciencias da Comunicación onde se vai desenvolver ata o próximo domingo 19, compartindo sede coa Facultade de Filoloxía. O encontro, que se vén celebrando en anos xacobeos dende 1993, ten como obxecto central debater sobre a disciplina da historia, os grandes feitos e procesos históricos que está a vivir a sociedade e as demandas doutros suxeitos culturais, políticos e sociais que interveñen na escritura da historia. A inauguración oficial do programa celebrouse este mércores no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación presidido polo reitor Juan Casares. Tamén interviñeron o coordinador do congreso, o profesor Carlos Barros, e o xerente do Plan Xacobeo, Ignacio Santos. O programa deseñado, que se vai poder seguir de xeito presencial pero tamén a través da rede, pretende reflexionar sobre cómo exercer o oficio de historiador no século XXI, atendendo ás novas formas de traballar con fontes e teorías e a como orientar a didáctica da historia, aproveitando as novas tecnoloxías para chegar ao público lector e espectador. Como punto de encontro, agárdase que o congreso permita desenvolver novos paradigmas, redes e tendencias como o propio proxecto ‘ Historia a Debate’ e outros xurdidos das inéditas realidades do século. Segundo os promotores do congreso, vivir a historia académica de maneira máis global pasa por “ interesarmos polo presente compartido”, achegando o saber histórico á comprensión e evolución das grandes cuestións dunha actualidade global “cada vez máis determinante para entender a forma e o contido da profesión histórica, as humanidades e as ciencias sociais”. Neste senso, as intervencións previstas prestarán especial atención á actualidade máis inmediata a través do achegamento á crise económica actual, a gobernanza global, a transformación de América Latina ou o cambio climático, tratando de analizar tamén se se ten estancado o proxecto europeo. Dende a organización das primeiras edición hai preto de vinte anos, este encontro ten fornecido ao seu redor unha rede internacional de historiadores á que se conectan diariamente 8.000 profesionais de 350 universidades de todo o globo, acumulando este espazo virtual máis de cinco millóns de visitas. Dende esta concepción global e internacional, colaboran coa rede Historia a Debate na difusión do congreso preto de 500 institucións académica de España e de 33 países de Europa, América, Asia, África e Oceanía. Ademais, no desenvolvemento das sesións están previstas 130 relatorios que, segundo agardan os organizadores, garantirán o debate e a reflexión colectiva. Na páxina web http://www.h-debate.com/, as persoas interesadas poden acadar máis información sobre o programa e seguir as sesións organizadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2010.