Ir o contido principal

Congreso Internacional de Literatura hispánica e prensa periódica (1875-1931)

Inaugúrase en Lugo, o martes 25 de novembro, na Facultade de Humanidades

O Congreso Internacional de Literatura hispánica e prensa periódica (1875-1931) inaugurase este martes, día 25, ás 10,30 horas na Facultade de Humanidades de Lugo, nun acto no que participarán o vicerreitor de Coordinación do Campus, Carlos Herrero; o alcalde da cidade, Xosé Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o coordinador do Congreso e profesor da USC, Javier Serrano.
Trala inauguración, o profesor Yvan Lissorgues, da Universidade de Toulouse 2, en Francia, ofrecerá a conferencia titulada ‘Los suplementos literarios de El Día’. Ás 13:30 horas haberá unha recepción no Concello de Lugo para todos os asistentes.
Pola tarde, o profesor Jesús Rubio Jiménez, da Universidade de Zaragoza, impartirá o relatorio ‘Retratos en blanco y negro: en torno al retrato literario modernista’. Ás 18:30 horas será o turno das comunicacións no salón de actos, cos profesores Susana Bardavío Estevan da Universidade de Nova York; Eduardo Hernández Cano, da Universidade Autónoma de Madrid; Xaquín Núñez Sabarís, da Universidade do Minho, en Portugal; e Reyes Vila-Belda, da Universidade de Indiana, en Estados Unidos.
Ao mesmo tempo terán lugar no salón de Graos as intervencións de Christine Arkinstall, da Universidade de Auckland, Nova Zelanda, ás 18:30; e Encarna Alonso Valero, da Universidade de Granada, ás 19:00 horas. Tras un breve descanso, reanudaranse as conferencias ás 19:30 horas, con Isabel Gómez Rivas, da Universidade Carlos III de Madrid; e ás 20:00 horas, a profesora Alicia Longueira Moris, da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, pechará a primeira xornada co relatorio titulado ‘Literatura y prensa en Wenceslao Fernández Flórez’.
Este Congreso, que se desenvolvera en Lugo ata o día 28, está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), o Ministerio de Cultura, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo e a Secretaría Xeral de Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2008.