Ir o contido principal

O congreso internacional ‘NOSoutros: Arte, Comunicación e Integración Social’ trata a integración na cultura de persoas con necesidades especiais

Está organizado polo proxecto campUSCculturae coa gallo da conmemoración o vindeiro luns 3 de decembro do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O proxecto campUSCculturae organiza a vindeira semana o congreso internacional ‘NOSoutros: Arte, Comunicación e Integración Social’, unha iniciativa de integración na cultura de persoas con necesidades especiais coa que o proxecto se suma á conmemoración o vindeiro 3 de decembro do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O punto de arranque do programa será o luns 3 coa inauguración do encontro ás 9.30 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, nunha sesión que presidirá o reitor Juan Casares. Xunto a el, asisten ademais, o decano deste centro, Xosé Pereira; o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; Irene García, en representación de CampUSCulturae; e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera. De inmediato, ás 10.00 horas, o obradoiro sobre ‘O teatro rehabilitador’ abrirá a quenda de intervencións cunha conferencia do presidente da Fundación Ánade, José Colmenero, titulada ‘O teatro como medio de integración social e laboral para as persoas con discapacidade’. Ángeles Fernández presentará deseguido que a Fundación Ánade desenvolve en Galicia. Pola tarde, logo da presentación de comunicacións entre as 16.00 e as 17.30 horas, desenvolverase a actividade ‘Itinerancia_Con-Sentida I’, unha iniciativa coa que experimentar e intervir no espazo público en busca de novas relacións dos corpos co espazo e a cidade conformando unha serie de mapas subxectivos. Búscase “reapropiarse do espazo público como orde imposta que regula os nosos corpos, vivencias, desprazamento e relacións”, sinalan os organizadores. A primeira xornada deste congreso que se estenderá ata o próximo xoves 6 rematará coa representación da obra ‘ O médico a paus’ representada pola Fundación Ánade. O Congreso pretende achegar e promover iniciativas pedagóxicas e didácticas que contribúan a desenvolver e incrementar o nivel de calidade de vida das persoas e colectivos en situación en situación ou risco de exclusión social a través de iniciativas dentro do campo da cultura e da actividade artística. Cunha duración de 30 horas, o programa tamén inclúe catro obradoiros sobre ‘O teatro rehabilitador’, ‘Implicación dos profesionais na rehabilitación psicosocial’, ‘Literatura integradora: recursos e estratexias para cambiar o paradigma’ e ‘Proxecto infancia’. Estes talleres complementaranse con un conxunto de actividades de natureza diversa que achegan iniciativas do ámbito artístico e cultural dirixidas a sensibilizar, modificar actitudes, divulgar ou mellorar a calidade de vida de persoas e colectivos en situación de risco ou exclusión social, e permiten xerar un espazo de intercambio de experiencias sobre este tipo de actividades, ademais de contribuír á difusión de iniciativas artísticas e culturais desenvolvidas por persoas e colectivos en situación de exclusión social. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina web do proxecto campUSCculturae, o seu perfil de facebook ou o programa do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2012.