O congreso internacional en procesamento da lingua portuguesa PROPOR reunirá en Compostela preto de 150 especialistas
A decimosexta edición do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR-2024) desenvolverase do 12 ao 15 de marzo. O persoal investigador responsable do seu desenvolvemento en Santiago de Compostela coincide en salientar a importancia deste feito, xa que coa súa chegada á cidade “prodúcese unha volta á orixe”, xa que a Galicia é “o lugar de nacemento da lingua portuguesa”, explican. O galego terá, así, un destacado protagonismo no evento, xa que tamén estará presente con numerosos traballos centrados no procesamento automático da lingua propia. PROPOR-2024 achegará a Santiago de Compostela unha mostra da comunidade investigadora no eido do procesamento da lingua portuguesa en todo o mundo. Con preto de 150 persoas inscritas (a maioría delas procedentes de Brasil e Portugal), o evento terá lugar na Cidade da Cultura.
A organización deste encontro corre a cargo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), que coordina todos os detalles do seu desenvolvemento a través do equipo de investigación do Proxecto Nós. O investigador vinculado Pablo Gamallo, presidente do comité organizador, salienta a importancia que ten acoller un congreso destas dimensións na cidade. “É fundamental para o futuro do galego asegurar a súa presenza nos dispositivos de intelixencia artificial e modelos de linguaxe que a xente usa xa habitualmente. O contacto con grupos punteiros portugueses e brasileiros promoverá novas colaboracións que nos permitirán acceder a máis recursos lingüísticos para o galego de alta calidade”, afirmou. Na organización de PROPOR-24 participa tamén o investigador Ramón y Cajal do centro Marcos García, presidente do comité de programa do congreso.
PROPOR-24 arrincará oficialmente tras a apertura do vindeiro martes 12, un acto inaugural no que participará o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e o Secretario Xeral de Política Liingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
O evento principal contará con 70 comunicacións científicas, que incluirán presentacións orais e pósters, ademais de varios eventos asociados: catro workshops (un deles centrado nunha competición entre sistemas); dous titoriais; unha sesión de demostradores; unha xuntanza industrial; e dúas mesas redondas.
Na primeira mesa redonda para empresas tecnolóxicas, presidida por José Ramom Pichel (CiTIUS & Imaxin|Software), participarán Senén Barro (CiTIUS), Livy Real (Quinto Andar, Brasil), Diego Vázquez (Imaxin|Software), Carlos Amaral (Priberam, Portugal) e Paulo Cavalin (IBM, Brasil). A segunda mesa redonda, onde se debaterán cuestións de política científica á volta da intelixencia artificial e da lingua portuguesa/galega, presidida por António Branco (Universidade de Lisboa), terá os seguintes participantes: Ana Paula Laborinho (Directora da Organización de Estados Iberoamericanos - OEI, Portugal), Claudio Pinhanez (IBM & Vicedirector de C4AI, Brasil), e Ismael Gómez García (Director de Global Digital Strategy da OEI). Por último, serán relatores convidados Elias Feijó, decano da Facultade de Filoloxía da USC, que fará unha radiografía da historia da lingua galega/portuguesa dende diferentes puntos de vista; Gemma Boleda (Universidade Pompeu Fabra), que se centrará no estudo dos cambios léxicos, e Marta Ruiz Costa-Jussà (Meta AI - París), especialista en métodos de avaliación de modelos de tradución.
PROPOR-2024 conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, AMTEGA, CESGA, Imaxin|Software, puntogal e o centro brasileiro C4AI.