Ir o contido principal

O congreso de literatura, un exemplo da proxección dos estudos de Humanidades no Campus de Lugo

O evento congrega na facultade a relatores de todo o mundo ata o día 28

A celebración en Lugo do Congreso Internacional Literatura hispánica e prensa periódica (1875-1931) é un exemplo da importante traxectoria dos estudos de Humanidades dentro das disciplinas de letras “nunha das facultades mellor valoradas dentro do Campus de Lugo”. Así o manifestaron os participantes na inauguración, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o alcalde da cidade, Xosé López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez; e o coordinador do Congreso e profesor da USC, Javier Serrano, que destacaron o potencial científico e de convocatoria da Facultade luguesa.
O centro reunirá durante tres días a conferenciantes de universidades europeas, americanas e australianas, que cotexarán todas as correntes de investigación sobre prensa literaria, o que lle permite destacar entre as diferentes disciplinas científicas que se imparten no campus lugués.
O propósito deste congreso internacional é actualizar as principais liñas de estudo neste campo, coordinar aos grupos de investigación que están traballando nestes ámbitos, intercambiar proxectos futuros de estudo co fin de posibilitar a súa cooperación e dar a coñecer actividades e investigacións en curso desde o ámbito universitario, así como posibilitar o diálogo sobre os novos retos que os estudosos da literatura na prensa deben afrontar, fundamentalmente as posibilidades que para a devandita investigación se abren a través das novas tecnoloxías.
Este congreso está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), o Ministerio de Cultura, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo e a Secretaría Xeral de Comunicación.
Oito conferenciasO encontro constará de oito conferencias impartidas por destacados especialistas en prensa literaria e cunha ampla traxectoria investigadora. O resto das sesións estarán dedicadas á exposición e ao debate das comunicacións presentadas polos congresistas participantes en sesións simultáneas, que terán os seguintes eixes temáticos centrais: a imaxe do escritor na prensa (entrevistas, autorretratos, semellanzas, iconografía, ... .); a prensa como taller literario (estudos de ecdótica); a prensa e o canon literario (recepción, polémicas, a prensa como foro de discusión literaria, ....); e Literatura e prensa galega.
O mércores 26 de novembro haberá unha mesa redonda na que participarán o catedrático da USC José Manuel González Herrán, especialista en literatura realista española e director do Proxecto de Investigación “La obra de Emilia Pardo Bazán”, da USC; a profesora Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán da USC e do Anuario Valle-Inclán e responsable do proxecto de Investigación “La obra de Ramón del Valle-Inclán”, da USC; e Luis Alonso Girgado, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades e director das edicións facsímiles da prensa galega no exterior.
O comité organizador do evento está formado polos profesores da área de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo Javier Serrano Alonso, Claudio Rodríguez Fer, Cristina Patiño Eirín, Amparo de Juan Bolufer, Luis Miguel Fernández e Ana Chouciño Fernández.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2008.