Ir o contido principal

Un congreso de medicina veterinaria e animais salvaxes e exóticos cita no Campus Terra máis de 130 participantes

Daniel Mosteiro, do Servizo de Animais Exóticos e Salvaxes da UTAD abre este sábado, ás 10.00, a quenda de relatorios deste foro no auditorio de Veterinaria

O I Congreso de Medicina Veterinaria en Animais Salvaxes e Exóticos citará esta fin de semana no Campus Terra da USC máis 130 participantes. As distintas sesións nas que se estrutura este foro, organizado polas asociacións Aenda e Avafes Lugo, desenvolveranse en quenda de mañá e tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Daniel Mosteiro Díaz, veterinario do Servizo de Animais Exóticos e Salvaxes do Hospital Veterinario da Universidade Tras Os Montes e Alto Douro, abrirá este sábado, a partir das 10.00 horas, a quenda de relatorios deste congreso cunha sesión de achegamento á teleanestesia. A asistencia veterinaria en animais varados, a clínica do oso pardo, o manexo, a xestión e as patoloxías máis habituais en grandes félidos e a biomedicina e a conservación dos tiburóns centrarán a temática dos distintos relatorios programados durante a primeira xornada deste foro. O I Congreso de Medicina Veterinaria en Animais Salvaxes e Exóticos terá continuidade o domingo 10 de abril cun programa de relatorios que se desenvolverá a partir das 10.00 horas, cando Javier García Hernando guiará unha sesión de introdución á clínica de reptís. Odontoloxía e patoloxías dixestivas de lagomorfos e outros pequenos mamíferos, a clínica de psitácidas, a diagnose por imaxe aplicada a rapaces salvaxes e a cirurxía ortopédica en aves rapaces centrarán a temática das sesións programadas na xornada dominical.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2016.