O congreso 'A pegada da violencia de xénero' tentará propiciar a reflexión sobre a amplitude deste fenómeno dende un enfoque psicolóxico, xurídico e asistencial
Dende un enfoque psicolóxico, xurídico e asistencial, o congreso ‘A pegada da violencia de xénero’ tentará propiciar a reflexión sobre a amplitude deste fenómeno e o debate multidisciplinar sobre as súas consecuencias. O encontro, que se inscribe nas actividades impulsadas polo Seminario Mulleres e Universidade da USC (SMU), celebrarase entre os días 1 e 4 de decembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito.
A súa inauguración oficial celebrarase o vindeiro luns, día 1, ás 18:30 horas nun acto ao que está previsto que asistan a vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez Pérez, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, e a e coordinadora do Seminario Mulleres e Universidade (SMU), a profesora Montserrat Nogueira. Completando esta primeira sesión a profesora da Universidade de Granada Juana Mª Gil presentará o relatorio ‘A violencia de xénero e as súas faces’.
Máis aló da descrición do fenómeno da violencia contras as mulleres, este congreso quere chegar a un exame das súas formas, causas e consecuencias. Así, as intervencións programadas prestarán especial atención ás actitudes, valores e estereotipos que acompañan este forma de violencia, indagando sobre a discriminación da muller, o reparto de roles entre muller e home e a súa percepción social.
As xornadas diríxense de xeito particular aos profesionais relacionados coa violencia de xénero pero tamén está aberto a persoas interesadas, en xeral. Deste xeito, preténdese atraer o interese da comunidade universitaria para fomentar a súa sensibilización cara á violencia de xénero, desde unha perspectiva persoal pero tamén como futuros profesionais.