Ir o contido principal

O I Congreso de Xustiza Penal 'Xustiza Penal e Delincuencia en Galicia' reúne en Dereito a expertos dos ámbitos xudicial, policial e académico

Expertos dos ámbitos xudicial, policial e académico reuniranse no I Congreso de Xustiza Penal ‘Xustiza Penal e Delincuencia en Galicia’ para debater sobre a carga de traballo dos tribunais penais, as taxas de vitimización en Galicia, as estratexias e procedementos de investigación e persecución policial e xudicial dos delitos de incendios, delincuencia urbanística ou da delincuencia organizada.
O congreso celebrará este martes 2 a súa inauguración oficial, prevista para as 16:30 horas, a súa inauguración oficial no Salón de Actos da Facultade de Dereito. Deseguido comezarán as intervencións dedicadas nesta sesión á actividade xudicial penal en Galicia e as súas estatísticas. O programa do mércores 3, tamén pola tarde a partir das 16:00 horas, centrarase nas vítimas do delito en Galicia, con especial atención á violencia de xénero. O programa previsto estenderase ademais aos días 4, 9 e 10 de decembro.
A principal finalidade é ofrecer unha visión da situación da Xustiza Penal en Galicia e das estruturas e formas de delincuencia que, pola súa prevalencia e gravidade, espertan un maior grao de interese na actualidade, mesmo obrigando a unha adaptación dos métodos tradicionais de investigación criminal.
No seu conxunto, o encontro ofrece un percorrido por cinco áreas temáticas que profundarán nos órganos da xustiza penal en Galicia e a súa actividade, fenómenos delitivos especialmente relevantes na comunidade, taxas de vitimización, sensación de medo ao delito na poboación urbana galega ou relación entre a poboación e as forzas e corpos de seguridade.
O encontro está dirixido a estudantes de Criminoloxía ou de calquera dos estudos oficiais relacionados coa análise e coñecemento do delito, o delincuente, a vítima e o control da criminalidade, funcionarios de xustiza e de institucións penitenciarias, vixiantes de seguridade privada, directores de empresas de seguridade, detectives privados, criminólogos, membros dos corpos e forzas de seguridade, estudantes en xeral e interesados no fenómeno da criminalidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2008.