Ir o contido principal

As consecuencias dos bifosfonatos

O novo investigador Mario Pérez Sayáns tratará no XII congreso da SEMO de concienciar aos profesionais da odontoloxía e á sociedade en xeral desta grave complicación

O vindeiro mes de maio celebrarase a XII edición do congreso da Sociedade Española de Medicina Oral en Santiago de Compostela, no que se tratarán temas relacionados coa patoloxía ósea en relación ao consumo de bifosfonatos, fármacos utilizados para o tratamento da osteoporose e a prevención da metástase ósea en tumores malignos e que poden incrementar o risco de osteonecrose dos maxilares. Tales aspectos, así como a súa prevención, clasificación e tratamento en caso de aparición, serán presentados por Mario Pérez-Sayáns, un novo científico galego recoñecido con diversos premios nacionais, que tratará de “concienciar dun problema real non demasiado recoñecido polos profesionais e a sociedade en xeral”. O nivel científico do congreso, segundo afirma o investigador, será “tremendamente elevado”, pois acudirán especialistas nas diferentes ramas da Medicina Oral non só dende o territorio nacional senón internacional para debater problemas de saúde pública tan importantes coma o cancro e precancro oral ou a patoloxía da mucosa relacionada cos implantes dentais. Resalta que non debemos esquecer que a odontoloxía é unha especialidade que non só trata os dentes, e estar formados e actualizados na patoloxía da mucosa oral é “absolutamente imprescindible” para o correcto desenvolvemento dunha boa práctica clínica. Recoñecementos Mario Pérez-Sayáns remata a carreira co primeiro premio nacional, pero grazas ao seu esforzo e dedicación continúan chovendo os recoñecementos co premio extraordinario de Galicia, o de licenciatura da USC e finalmente co extraordinario de doutoramento. Todos son especiais para el non só pola importancia dos mesmos senón polo momento no que os recibe, e o feito de que sexan tribunais independentes quen os outorguen reforza a súa vocación investigadora dentro da universidade. A elección do director de tese no caso de Pérez-Sayáns foi moi sinxela, pois sempre tivo especial interese pola Medicina Oral e a Cirurxía, e atopou neste departamento a maior proxección científica da man dos doutores que dirixen esta área na USC, José Manuel Gándara Rey e Abel García García. Este equipo de investigación centra o seu traballo no campo da medicina oral, analizan novos marcadores de diagnose e prognósticos no cancro oral, así como o papel das células nai tumorais e as células tumorais circulantes neste tipo de tumores. Actualmente, Pérez-Sayáns é profesor asistente do Master de Medicina Oral de Santiago, no que instrúe e mellora a práctica clínica no campo e dirixe ao alumnado no camiño da investigación. “Os alumnos de hoxe en día dispoñen de mellores medios tecnolóxicos e de avances científicos que facilitan enormemente o desenvolvemento da súa aprendizaxe”, afirma o investigador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2013.