Ir o contido principal

O conselleiro de Economía e Industria interveu no programa docente do máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior

O conselleiro de Economía e Industria interveu no programa docente do máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior
O conselleiro de Economía e Industria interveu no programa docente do máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior

O alumnado da vixésimo primeira edición do Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC contou coa intervención no programa docente do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen animou ao alumnado na súa traxectoria formativa por atoparse nun ámbito de “enormes oportunidades de crecemento”.

No encontro, Javier Guerra explicou que os obxectivos para 2012 da súa consellaría están orientados a incrementar en 700 o número de empresas exportadoras galegas así como a aumentar en 3.400 millóns de euros o valor das exportacións realizadas dende Galicia. O conselleiro fixo especial énfase na incorporación ao ámbito internacional das pemes familiares exportadoras.

Como explicou Guerra, no desenvolvemento destes proxectos da administración autonómica cobra especial relevancia poder contar cun elenco de recursos humanos ben formados e altamente especializados para afrontar o reto da internacionalización. Para o conselleiro este é unha vía para a mellora competitiva das empresas, na medida en que o propio proceso de internacionalización esixe un esforzo por mellorar todos os ámbitos de actividade. Tamén se referiu a súa incidencia no fomento do emprendemento e a creación de novos proxectos empresariais, “xa que nunha economía global como a actual, calquera novo proxecto empresarial implica incorporar unha visión internacionalización sen a que dificilmente chegará a consolidarse”.

O Máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior da USC é un dos pioneiros en España en ofertar este tipo de formación especializada, iniciando a súa andaina no ano 1991 co apoio de diversas empresas galegas e da Consellaría de Economía ata converterse nunha oferta formativa consolidada cun amplo recoñecemento nacional e internacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2012.