Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba por asentimento a liquidación económica do exercicio 2009

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este xoves por asentimento a liquidación económica do exercicio 2009. Ademais, presentouse o informe de auditoría que valida as contas da USC o que, en opinión do vicerreitor de Economía Vázquez Taín, “pon de manifesto que a situación económica da mesma esta ordenada e reconducida”.
Na liquidación de 2009 destácase que o exercicio se pechou “en completo equilibrio”, eliminando as necesidades de financiamento que se incorporan ao exercicio seguinte e permitindo incluso incorporar ao ano 2010 remanentes financiados con recursos propios por importe de 12,5 millóns de euros -4,7 millóns se se exclúen Centros e Departamentos-, o que permitirá “compensar en parte” a diminución de ingresos do Orzamento do ano 2010 polo comportamento do Plan de Financiamento.
Asemade, o vicerreitor indicou que está “garantida” a totalidade do financiamento necesario ata a súa conclusión –aínda que se produza en 2011-, “das actuacións que xa se están desenvolvendo no ámbito construtivo e de equipamento”. Tamén, en liña co comprometido diante dos órganos de dirección, ao novo equipo de goberno deixaráselle sen comprometer alomenos o 50% dos créditos contidos no orzamento do ano 2010.
Asuntos tratadosO Consello aprobou tamén a concesión de 35 licencias de ano sabático, outras dúas de profesores eméritos e a renovación de catro a docentes que xa teñen esta consideración. Ademais, o órgano colexiado aprobou o nomeamento de Andrés Torres Queiruga como profesor Ad Honorem.Os manuais do Sistema de Garantía Interna de Calidade de trece centros da USC, 8 de Santiago e 5 de Lugo, viron hoxe o seu visto bo, continuando así co proceso iniciado xa hai case dous anos polo que xa hai facultades e escolas que dispoñen do seu.
Por outra banda e segundo o acordado, en 2010-2011 a USC ofertará un total de 240 prazas no Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas pola USC. Destas prazas, 60 ofertaranse no Campus de Lugo. Acordouse tamén que no vindeiro ano académico só se implante o primeiro curso do grao en Medicina e non os dous primeiros á vez.
O Consello de Goberno aprobou ademais os criterios de admisión por cambio de universidade e de estudos universitarios nos estudos de grao, a modificación do curso ponte do Grao en Enxeñaría Informática, os criterios para o reparto da cantidade orzamentada para a partida específica dos estudos de doutoramento e a modificación do documento de creación da Escola de doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde.
Outros asuntosO Consello, que continuará a xuntanza pola tarde, deberá tratar ademais a proposta de creación e regulamento do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da información, a creación da Cátedra de Acción e Cobertura Social ou o regulamento de réxime interno do Instituto de Ciencias da Educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2010.