Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba a Conta Xeral de 2020

Xuntanza no Salón Reitoral
A xuntanza celebrousse este venres combinando presencialidade e videoconferencia. Foto: Santi Alvite
Xunto co informe sobre a xestión de recursos económicos, dá conta dos aspectos máis relevantes da xestión orzamentaria e financeira da institución
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno aprobou este venres a Conta Xeral de 2020 da USC xunto co correspondente informe sobre a xestión de recursos económicos para poñer en coñecemento da comunidade  universitaria  e  da  sociedade  aqueles  aspectos  e  datos  máis  relevantes  da  xestión orzamentaria e financeira da institución. A  singularidade  do  exercicio económico 2020, debido á crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19 que afectou aos dous cursos académicos dese ano, fixo que se introducise un apartado específico  no  que  salientar  os  aspectos  económicos  máis  importantes  para  a  USC  como consecuencia desta crise.

A información básica sobre a liquidación comparativa dos orzamentos de ingresos e gastos, así como a liquidación do orzamento de ingresos e de gastos, son os tres primeiros apartados do documento no que tamén se abordan os resultados orzamentarios, actividades de I+D+i, de posgrao, contratación administrativa, inventario  de  bens  mobles  e  inmobles, resumo da contabilidade analítica, informe sobre o impacto da crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19 nos datos económicos do exercicio, así como outra información económica de interese.

Outro dos temas aprobados foi a proposta de tarifas para o curso 21/22, que non experimentarán modificacións con respectos ás do presente curso de acordo co Lei de Medidas Fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia. O documento, que deberá ser agora aprobado polo Consello Social, recolle as tarifas relativas ao Servizo de Deportes, Centro de Linguas Modernas, Escola Infantil Breogán, Servizo Universitario de Residencias, Cuarto Ciclo, tarifa administrativas de xestión académica e títulos propios.

No plano das titulacións, a xuntanza debateu sobre trámites de modificación de diversas titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como propostas de estudos de posgrao propio. Convenios, regulamentos de traballos de fin de estudos e asuntos económicos completaron a orde do día. No ámbito da xestión do persoal docente e investigador, na xuntanza aprobouse a autorización de prórrogas de prazas de profesorado contratado así como as comisións de selección de diversas prazas, ademais dos complementos de recoñecemento de mérito docente e os complementos retributivos autonómicos, entre outras cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2021.