O Consello de Goberno aproba a incorporación de quince prazas Ramón y Cajal
A aprobación da proposta de incorporación de prazas de Ramón y Cajal ás áreas de coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela centrou a sesión extraordinaria do Consello de Goberno que se desenvolveu este luns 20 no Colexio de San Xerome. A través deste programa de captación de talento, un total de quince investigadores e investigadoras pertencentes a outras tantas áreas de coñecemento pasarán a desenvolver as súas respectivas liñas de traballo en diferentes centros singulares e facultades da USC.
Trinidad Méndez Morales da área de Física da materia condensada, Ana Isabel Gómez Varela de Óptica e Bárbara Blanco Fernández da área de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica pasan a formar parte do Instituto de Materiais da USC (iMATUS). O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) incorpora as figuras Ramón y Cajal de Tiago Méndez Ferreira, pertencente á área de Química Física; Manuel Nappi de Química Orgánica e Adrían Sánchez Fernández de Enxeñaría Química.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías conta con María Vieites Díaz, especialista en Física Atómica, Molecular e Nuclear; e Juan Calderón Bustillo de Física Teórica. Pola súa parte, Marcos Ríos García da área de Fisioloxía pertence ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), mentres que Marta Núñez García da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial ocupa a praza Ramón y Cajal do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).
Ademais, as facultades de Química, Matemáticas, Psicoloxía, Filoloxía e Filosofía benefícianse, respectivamente, dunha praza Ramón y Cajal a través das figuras de Gerardo Álvarez Rivera da área de Química Analítica, Saray Busto Ulloa de Matemática Aplicada, Jesús Cespón González de Psicobioloxía, Pablo García Martínez de Filoloxía Galega e Andrea Nuñéz Casal de Lóxica e Filosofía da Ciencia.
O Ramón y Cajal é un programa que permite mellorar a calidade da investigación nos centros e nos departamentos en todas as áreas de coñecemento. A finalidade das axudas obxecto desta convocatoria é promover a incorporación en organismos de investigación de persoal investigador, tanto español como estranxeiro, cunha traxectoria destacada co obxecto de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable nun organismo de investigación do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e de Innovación, incentivando, especificamente, a incorporación de investigadores e investigadores que leven desenvolvendo durante un determinado período a súa actividade profesional no estranxeiro.