O Consello de Goberno aproba as liñas xerais da USC para a elaboración de novas titulacións oficiais
O Consello de Goberno aprobou na súa xuntanza deste venres 14 as liñas xerais da USC que detallan os criterios para a elaboración tanto das titulacións oficiais de grao como para o título de doutor no que se refire aos créditos, á estrutura e aos programas, entre outras cuestións, ademais de explicar a maneira en como se implantarán os novos estudos de grao e se extinguirán os actuais.
Honras e distinciónsO órgano colexiado aprobou tamén o Regulamento de Honras e Distincións da USC que vén a renovar o de 1998 relativo aos criterios de imposición da Insignia e Medalla de Ouro da USC. Con este documento, que establece como honras e distincións universitarias a Insignia e a Medalla de Ouro e o grao de doutor honoris causa, preténdese potenciar a relación entre institución públicas e privadas coa Universidade de xeito que redunde no seu beneficio e prestixio.
Ademais destas tres concesións, a USC institúe a efectos honoríficos a Insignia Fonseca –para traballadores con máis de 30 anos de dedicación á USC-, e as figuras de Mecenas e Colaborador de Honra da Universidade para fomentar as accións filantrópicas a favor da USC así como brindar un recoñecemento público ás persoas físicas e xurídicas que de xeito desinteresado colaboran coa institución académica.
Manual de Avaliación DocenteOutro dos puntos tratados foi o Manual de Avaliación Docente da USC que responde á necesidade de adecuarse ao novo marco normativo que establece Bolonia e ao interese de executar as liñas consignadas no Plan Estratéxico e no Plan de Calidade da USC. Con este Manual acredítase o desempeño da actividade docente cun procedemento avalado pola ANECA e a ACSUG que deste xeito garante á sociedade a cualificación do profesorado universitaria e das titulacións que se imparten na USC.
Cooperación culturalCo obxecto de promover o tecido asociativo universitario e a súa interrelación co entorno, a USC impulsará unha convocatoria de axudas para proxectos de cooperación cultural no período de abril de 2008 a marzo de 2009. Segundo o analizado neste Consello de Goberno, trátase de establecer unha liña de colaboración con outras administracións públicas que permita satisfacer con maior coordinación, dotación económica e apoio aos colectivos, entidades e centros universitarios solicitantes. Nesta convocatoria darase prioridade a proxectos de carácter intersectorial universitario e á presenza nesas entidades de persoas non universitarias.
Neste mesmo eido, aprobouse tamén unha nova convocatoria coa que a Universidade compostelá promocionará o desenvolvemento e a difusión de ciclos e accións culturais no seo da comunidade universitaria. As axudas orientaranse ao financiamento de iniciativas relacionadas co mundo da danza, música, fotografía, cine e audiovisuais, artes plásticas, literatura, pensamento e debate.
Outros asuntosNa xuntanza analizáronse ademais as memorias de actividades desenvolvidas así como un plan de futuras iniciativas das distintas cátedras institucionais da USC e os acordos para impulsar a planificación estratéxica de sete departamentos.
Outros puntos incluídos na orde do día foron os relativos á normativa para o uso das dependencias da Casa dos Catedráticos, a modificación da convocatoria de axudas para investigación no relativo aos contratos predoutorais, cursos de posgrao propio, a proposta de dirección do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral, os complementos de xestión, prazas de profesorado ou a normativa de transferencia e recoñecemento de créditos para titulacións adaptadas ao EEES, entre outros asuntos.