Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba a oferta de prazas de aloxamento no seu Servizo Universitario de Residencias para o vindeiro curso

O Consello de Goberno da USC aprobou hoxe a oferta de prazas de aloxamento para o vindeiro curso académico 2007-2008 no seu Servizo Universitario de Residencias (SUR). Son un total de 1.315 prazas, das que 1.060 se destinarán a estudantes de 1º e 2º Ciclo e de programas oficiais de posgrao, 105 a alumnos de 3º Ciclo e investigadores en formación, 95 a estudantes de programas de mobilidade e intercambio, 8 a Persoal Docente e Investigador e Persoal de Administración e Servicios, 20 a estudantes de Posgrao propio e do Curso de Aptitude Pedagóxica ou equivalentes, e 27 para membros da comunidade universitaria da USC discapacitados.
Ademais de establecerse o número de prazas, a nova convocatoria recolle os baremos para avaliar as subvencións correspondentes así como os prezos das prazas, que oscilan entre os 43 e 205 euros para aquelas subvencionadas e entre os 234 e 273 euros para solicitantes cuxa renda persoal dispoñible sexa igual ou superior a 9.000 euros.
Na mesma xuntanza, o Consello de Goberno aprobou tamén a oferta de prazas deste sistema de aloxamento universitario para o presente verán e que está dirixido a membros da comunidade universitaria ou persoas que vaian participar en actividades da USC durante o período comprendido entre o 10 de xullo e o 15 de setembro de 2007. Os aloxamentos que se ofertan son as Residencias do Burgo das Nacións e Monte da Condesa en Santiago e a Residencia Bal e Gay en Lugo. De igual xeito deuse o visto bo aos prezos de aloxamento no SUR para congresistas e visitantes que visiten a USC en 2007.
Prazas dos POPNoutra orde de cousas, o Consello de Goberno estableceu o límite de prazas para o curso 2007-08 nas titulacións dos Programas Oficiais de Posgrao da USC Ciencias da Visión; Desenvolvemento rexional e integración económica; Dirección e planificación do turismo; Educación, xénero e igualdade; Enerxías renovables e sostibilidade enerxética; Enxeñaría para o desenvolvemento rural; Enxeñaría ambiental; Enxeñaría biotecnolóxica; Enxeñaría matemática; Fotónica e tecnoloxías do láser; Historia contemporánea; Lóxica e filosofía da ciencia; Neurociencia; Prevención de riscos laborais; Química avanzada; Química orgánica; Servizos culturais; Técnicas estatísticas; Xerontoloxía; e Xestión e Dirección Laboral.
Outros asuntosOutros asuntos da xuntanza foron a modificación da normativa de selección de persoal docente e investigador, a ratificación do Regulamento de Réxime Interno de departamentos, as licenzas de ano sabático, os prezos de aloxamentos no SUR para visitantes e congresistas e o cambio de denominación do Departamento de Bioloxía Animal.
Completaron a orde do día, a incorporación de membros á Xunta de Goberno do Instituto de Dereito Industrial (IDIUS), a modificación do Máster Oficial en Xerontoloxía, un curso de posgrao propio, as solicitudes de contratación e de prórrogas de profesorado emérito e as de cambio de localidade de prazas de profesorado e cambios de dedicación do PDI.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2007.