O Consello de Goberno aproba o orzamento da USC para 2018

O Consello de Goberno aprobou a proposta de orzamentos da USC para o ano 2018 por valor de 234,86 millóns de euros, un incremento con respecto ao presente exercicio do 3,27% e 7,35 millóns de euros. Como explicou o xerente ante o órgano colexiado, a formulación dos orzamentos da USC está condicionada polo marco económico xeral pero, en particular, polo novo Plan Galego de Financiamento Universitario para o período 2016-2020 así como polo Plan Económico Financeiro de Reequilibrio e o marco legal de aplicación ás administracións públicas.
Como explica o documento debatido, o actual contexto normativo está orientado especificamente, nos últimos exercicios, a garantir a estabilidade orzamentaria das administracións públicas e á procura da consolidación fiscal, de forma que as normas afectan non só ao volume ou teito de gasto, senón tamén á composición deste, e en particular ao relativo aos gastos de persoal. O seguinte trámite desta proposta orzamentaria será a súa aprobación polo Consello Social.
A proposta debatida apunta a un orzamento que permita, de xeito xenérico cumprir os compromisos financeiros da USC, ao tempo que atender as previsións dos plans de PDI e PAS formulados polo equipo de goberno para o período 2017-2020, axustar os gastos correntes por servizos básicos, continuar incrementando os recursos de servizos e centros ligados á docencia e á investigación ou avanzar na consolidación e mellora das actuacións de investimento, entre outros obxectivos.
Programación
Na mesma sesión, presentouse o documento coa actualización de 2017 das Liñas Xerais da Programación Plurianual 2015-2018 que tamén avalía o alcance dos obxectivos marcados no período 2015-2017. O documento presenta un informe executivo para cada bloque -planificación para edificios e instalacións; investimentos en infraestrutura de docencia e investigación, plans de investigación, comunidade universitaria...– coa actualización das liñas xerais para 2018, en base á revisión realizada de todas as accións que conforman a programación plurianual.
Plan de Melloras 17-18
Outros dos puntos da orde do día desta xuntanza é o Plan de Melloras 2017-2018 que segue a perseguir os obxectivos cos que foi deseñado inicialmente: apoiar a Programación Plurianual da USC e os procesos de seguimento e acreditación de títulos con accións de mellora centralizadas. O documento constitúe un “instrumento para poñer en valor a información recollida dos procesos de acreditación de títulos e certificación de centros docentes e vinculalos coa planificación estratéxica da institución”, explica a vicerreitora de Comunicación e Coordinación, Rosa Crujeiras.
LEDUS
A recente aprobación do Plan Estratéxico de Internacionalización 2017-2020, incorpora entre as súas primeiras accións a creación e desenvolvemento dun plan para a docencia de calidade en linguas estranxeiras. Neste contexto, o Consello de Goberno aprobou o regulamento de Linguas Estranxeiras na Docencia na Universidade de Santiago (LEDUS). O seu obxectivo é achegar un marco para a regulación dos programas a impartir en lingua estranxeira na USC, así como para a acreditación, formación e incentivación do persoal docente e do estudantado que participe neles.
O regulamente está en liña coas directrices marcadas polo Plan Estratéxico de Internacionalización 2017-2020 da propia institución e co Documento marco de política lingüística para la internacionalización del sistema universitario español da CRUE.