Ir o contido principal

O Consello de Goberno aprobou por asentimento a Programación Plurianual para o período 2019-2022

A xuntanza celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome Foto: Servimav-USC
A xuntanza celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome Foto: Servimav-USC
Tamén aprobou o acordo que elimina a necesidade de acreditar o coñecemento de idiomas para a obtención do grao

O compromiso coas persoas, a xestión eficiente dos recursos e os servizos á sociedade aglutinan os eixos fundamentais sobre os que pivota a Programación Plurianual da USC para o período 2019-2022. O Consello de Goberno aprobou este martes o documento, un conxunto de 202 accións orientadas á consecución de 119 obxectivos, englobados en 37 liñas de actuación.

A programación contempla seis eixes fundamentais: centrar a atención no estudantado, comprometerse co persoal, poñerse ao servizo da sociedade, situar o coñecemento da USC na vangarda, proxectar a Universidade de Santiago polo mundo e xestionar os recursos de forma intelixente. Estas directrices xerais, aprobadas no claustro celebrado en novembro de 2018, contemplan a filosofía da proposta presentada á comunidade universitaria polo equipo de goberno no seu programa electoral e alíñase cos principais obxectivos fixados no plan estratéxico xeral da USC (2011-2020), especificamente no relativo aos ámbitos e liñas estratéxicas.

De xeito parello á enumeración de accións e liñas de actuación, a programación incorpora unha valoración económica para este primeiro ano cunha proxección xeral para os vindeiros anos acorde aos parámetros do actual Plan de Financiamento. Como se sinala no documento, esta consideración afecta de forma especial ao ámbito das infraestruturas nas que, a día de hoxe, “a pesar de ter claras as necesidades, está pendente do compromiso de financiamento que o faga viable”. Neste senso, a programación será obxecto das pertinentes actualizacións e cuantificacións económicas, que se presentarán xuntamente co proxecto de orzamentos para cada exercicio.

Acreditación B1
O Consello de Goberno tamén aprobou por asentimento o acordo sobre o recoñecemento de idiomas no título de grao, eliminando a necesidade de acreditar o coñecemento dunha lingua estranxeira para a obtención do título universitario. Ao alumnado que dispoña desta acreditación constaralle no seu expediente, nas certificacións que se expidan e no Suplemento Europeo ao Título (SET). Ademais, o coñecemento de linguas poderá dar lugar á obtención de créditos transversais, entre 3 e 6 en función do nivel acreditado e dun crédito ECTS por cada 25 horas cursadas no Centro de Linguas Modernas da USC (CLM).

O nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira acreditarase mediante a superación das correspondentes probas organizadas polo CLM; mediante a superación de cursos do CLM certificados con indicación de nivel MECR; ou pola posesión dalgún dos títulos ou diplomas recollidos no propio acordo.

EDIUS
A Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) asumirá a xestión administrativa e a coordinación dos estudos de doutoramento ata agora recollidos no CIEDUS e a coordinación dos programas de doutoramento asociados ás anteriores catro Escolas de Doutoramento Internacional co fin de simplificar a súa organización. O Consello de Goberno aprobou esta reestruturación creando unha unidade centralizada para coordinar e xestionar os estudos e programas de doutoramento, facilitando a execución de todas as actuacións pertinentes, e a eliminación das anteriores catro escolas de doutoramento.

A nova estrutura terá en conta as distintas especificidades e características das grandes áreas de coñecemento “pero sen perder, ao mesmo tempo, a unidade de criterios e actuacións en temas académicos que lles afectan por igual a todas elas e atender á interdisciplinariedade científica e a comunicación fluída entre os distintos ámbitos temáticos”. Ademais, leva parella unha simplificación dos órganos unipersoais e colexiados de goberno e dos procesos administrativos asociados a súa xestión presentes na anterior estrutura. A EDIUS estará organizada en catro seccións que agrupan as cinco grandes áreas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias e Enxeñerías.

Outros temas
Outros temas tratados este martes no Consello de Goberno foron a determinación de áreas ANEP para a convocatoria de persoal investigador distinguido, unha solicitude de permuta entre a USC e a UDC na área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, as comisións de selección de prazas de PDI non permanente, as prórrogas de profesorado asociado e lector ou a asignación de prazas de profesorado titular a áreas de coñecemento.

Outros puntos incluídos na orde do día foron a prórroga transitoria da vixencia do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, o acordo para o establecemento dunha axuda para a atención odontolóxica de pacientes con necesidades especiais que estean a cargo de traballadores/as da USC, o regulamento do réxime de redución docente de cargos e representantes académicos ou os novos estatutos da Fundación Rof Codina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2019.